O BNG reclama á Xunta que extreme o control sobre Monbus ante o que cualifica de “deficiencias no Barbanza”

17 Setembro 2026

O BNG achegou a súa postura sobre a calidade do servizo de transporte despregado pola empresa Monbus no Barbanza. En palabras da agrupación, trátase dun servizo que amosa sinais dun “grave deterioro”, polo que reclaman á Xunta que “deixe de mirar para outro lado ante os incumprimentos de Monbus”. De feito, a deputada Rosana Pérez vén de rexistrar no Parlamento galego unha proposición non de lei na que reclama “axilizar a nova concesión do transporte da comarca” e “extremar o control sobre a empresa no caso de que finalmente resulte adxudicataria, tendo en conta os seus antecedentes”.

A deputada da Pobra do Caramiña. comentou que “a nova concesión, anunciada pola Xunta durante máis de dous anos, ten un valor de preto de 13,6 millóns de euros ata 2030 e só recibiu a oferta de Monbus, a mesma empresa que acumula anos de queixas da cidadanía e que mesmo foi condenada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galiza a pagar unha penalización á Xunta por incumprir o contrato”. E engadiu: “Non pode ser que a resposta da Xunta ante anos de incumprimentos sexa volver confiar na mesma empresa sen garantir que o servizo vaia mellorar”.

Para Pérez, esta situación ten xa unha tradución directa no transporte escolar de Ribeira.

Segundo denunciou o ex-alcalde de Ribeira e portavoz Luís Pérez Barral, no inicio do curso estanse producindo “graves incidencias”. No caso do IES No1, dixo, “temos microbuses que se enchen e deixan alumnado atrás, rutas que continúan sen cubrir unha semana despois do inicio das clases e constantes problemas de puntualidade”. As ANPAs, sinalou, “tamén alertaron destes problemas, e de feito en Palmeira denunciaron inicialmente as rutas fantasma con autobuses que non realizaban os percorridos previstos, e mentres no CEIP de Olveira as familias denunciaron condutores que descoñecían as rutas e problemas coas paradas e os listados do alumnado”. A isto, engadiu, “súmanse as denuncias da CIG sobre a situación do persoal”. Seguindo este fío dixo que “o sindicato sinala que traballadores de Monbus procedentes da anterior concesionaria non foron chamados ou incorporados correctamente e denuncia incumprimentos das rutas previstas na licitación, así como problemas de organización do servizo”.

Rosana Pérez reclamou no Parlamento que a Xunta “non se limite a adxudicar contratos, senón que controle o seu cumprimento e garanta que as condicións previstas se prestan efectivamente”.

Mediante esta iniciativa o BNG volve a reclamar unha proposta esencial de mobilidade na nosa comarca: a conexión coa liña ferroviaria do país. Porén, o grupo nacionalista propón que se inclúa unha partida nos Orzamentos de 2027 para ampliar o transporte público do Barbanza cunha conexión coa estación de ferrocarril de Catoira, con cando menos dous servizos Catoira-Ribeira os venres pola tarde e dous Ribeira-Catoira os domingos pola tarde.

“A Xunta non pode mirar para outro lado mentres as familias denuncian que os autobuses non pasan, chegan tarde ou non teñen capacidade suficiente e mentres o persoal denuncia problemas na organización do servizo”, sinala o BNG.

O BNG reclama así á Xunta “que actúe de inmediato, esixa a Monbus o cumprimento das rutas e das condicións da contratación e garanta un transporte escolar seguro, puntual e suficiente”.

Outros artigos

O PSOE de Ribeira acusa ao Executivo local de “falta de propostas”

O PSOE de Ribeira tamén fixo balance do ano de Goberno do PP e PBBI logo da moción de censura consumada en outubro do ano pasado. No seu balance afirmou que a alcaldesa, coincidindo co primeiro aniversario da moción de censura, "segue sen ofrecer solucións á fronte da...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.