
O Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros acollerá durante o segundo semestre de 2026 unha programación cultural que combinará música, teatro, cinema documental e espectáculos familiares, cun total de nove actividades entre os meses de outubro e decembro.
A programación dará comezo o vindeiro 2 de outubro coa actuación do músico mozambicano Cheny Wa Gune, destacado multiinstrumentista e colaborador habitual de Fran Pérez “Narf”, e continuará con compañías e creadoras de referencia da escena galega como Butacazero, Morraoconto, Elefante Elegante, Barrosanta e Peter Punk.
Dende a Concellería de Cultura, Caridad González destaca que “esta programación combina propostas para todos os públicos e diferentes disciplinas artísticas, consolidando o auditorio como un espazo de referencia para a cultura en Muros”. A concelleira sinala ademais que “seguimos apostando por unha oferta cultural estable e de calidade, capaz de achegar ao público tanto creacións contemporáneas como propostas familiares e actividades vinculadas á memoria, á identidade e á tradición cultural galega”.
Entre os espectáculos programados destacan A velada de Londres, de Butacazero, unha revisitación contemporánea do universo de Drácula que chegará a Muros tras a súa estrea no Teatro Rosalía de Castro da Coruña; Tromsø, de Morraoconto, unha emotiva reflexión sobre a perda e a esperanza a través dun formato multidisciplinar; e Coralinda, de Elefante Elegante, unha proposta familiar que aborda a diversidade e a convivencia desde o humor e a poesía visual.
A programación inclúe tamén os documentais Crónicas dun non e Ao son da nova regueifa, centrados respectivamente na memoria do movemento insubmiso en Galicia e na revitalización da regueifa; así como Xoguetes rotos, de Barrosanta, unha conmovedora historia sobre a identidade e a procura da liberdade. O peche da programación chegará no mes de decembro con Un Nadal chungo que te cagas, de Peter Punk, unha proposta familiar chea de humor, malabares, música e retranca para celebrar o Nadal dun xeito diferente.
A esta programación de artes escénicas, música e cinema documental sumarase tamén a programación habitual de cinema do Auditorio do Centro Cultural e Xuvenil de Muros, da que se irá informando periodicamente a través da web municipal.
As entradas para os concertos e espectáculos programados durante o mes de outubro xa poden adquirirse a través da billeteira electrónica do Concello de Muros e nas oficinas do Centro Cultural e Xuvenil de Muros.





