
O Concello de Dodro impulsou unha obra de posta a punto de instalacións co Colexio de Chenlo, que forma parte do Colexio Rural Agrupado. CRA, de Dodro -Padrón. Segundo informaron fontes do Consistorio, os traballos son a resposta a unha das demandas principais da comunidade educativa do dito centro docente.
A obra consiste na mellora da accesibilidade ao colexio. En concreto, estase a construír unha rampla de acceso e unha plataforma de formigón de 325 m2 que permitirá que as familias acheguen aos nenos practicamente ata a porta da escola desde o coche.
As obras realízanse co persoal do Obradoiro de Emprego dos concellos de Padrón e Dodro, e financiamento do propio concello de Dodro.
O Concello recoñeceu os pequenos inconvenientes que están a xerar os traballos na comunidade do centro escolar, e pediu desculpas polos mesmos (por exemplo o non poder acceder ata a finalización da obra ao patio escolar por parte das familias).
A obra rematará nos próximos días.




