O histórico dirixente socialista, de 77 anos e moi vinculado ao tecido asociativo e hostaleiro da capital galega, perdeu a vida na praia de Seixeliño
O histórico exconcelleiro do PSdeG-PSOE de Santiago de Compostela Carlos Nieves Vicente (Madrid, 1949) faleceu este sábado aos 77 anos tras afogarse mentres tomaba un baño na praia de Seixeliño, na parroquia de San Vicente do Mar (O Grove).

O suceso rexistrouse arredor das dúas da tarde. Segundo informou o servizo de Emerxencias 112 Galicia, varias testemuñas que se atopaban no areal decatáronse de que o home flotaba boca abaixo na auga e acudiron de inmediato a rescatalo. Tras levalo ata a beira, os propios bañistas iniciaron as manobras de reanimación cardiopulmonar mentres alertaban aos servizos de urxencia.
Ata o punto desprazouse un amplo operativo no que participaron efectivos da Garda Civil, da Policía Local e do GES do Grove, así como Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que chegou a mobilizar o helicóptero medicalizado con base en Santiago. A pesar dos prolongados esforzos dos sanitarios por reanimalo, só se puido certificar o seu falecemento no mesmo areal. Nieves contaba cunha residencia na zona, onde adoitaba pasar longas tempadas, en especial durante o período estival.
Unha figura crave na vida municipal e social de Santiago
O pasamento de Carlos Nieves causou unha fonda consternación na capital galega, onde desenvolveu boa parte da súa vida pública e persoal. Ademais da súa etapa como edil polo Partido Socialista no Concello de Santiago, Nieves destacou polo seu forte compromiso co tecido socioeconómico local: exerceu durante anos como xerente da asociación Hostelería Compostela e participou de xeito activo en múltiples colectivos sociais e iniciativas culturais da cidade.




