
Este venres 11 comezan as Festas da Guadalupe en Rianxo, uns multitudinarios festexos para despedir o verán dende o Barbanza, e a Policía Local de Rianxo emitiu un comunicado no que achega unha serie de recomendacións de seguridade e de disposicións xerais que van dirixidas a “garantir a protección da veciñanza de quen nos visite, facilitar a mobilidade e favorecer o normal desenvolvemento dos actos programados”.
En primeiro lugar, reforzarase a presenza de efectivos da Policía Local de Rianxo en todas as quendas, contando ademais coa colaboración de axentes de outros municipios en comisión de servizo (Ribeira, Pobra do Caramiñal e Cambados). “Este reforzo”, explican, “permitirá intensificar as tarefas de regulación do tráfico, control dos estacionamentos e vixilancia dos espazos con maior concentración de persoas”.
Ademais, o voluntariado de Protección Civil Rianxo prestará apoio nas labores de prevención, atención de incidencias, asistencia á cidadanía e colaboración coas servizos de emerxencia e cos distintos corpos policiais.
Ao devandito súmase a activación e contratación dun servizo de ambulancia para todos os días das festas (o último día contarase con tres).
Á Policía Local e á Protección Civil sumarase tamén a participación da Garda Civil, as Unidades Territoriais de Seguridade Cidadá, a USECIC, o Servizo Marítimo e a Agrupación de Tráfico.
O luns 14, dentro do dispositivo de seguridade cidadá, desenvolverase un dispositivo especial en coordinación coa Unidade de Policía Adscrita á Comunidade Autónoma de Galicia co fin de previr o consumo de alcohol por parte de menores.
A maiores, instalarase un Punto Violeta que ofrecerá información, asesoramento e atención ante posíbeis situacións de violencia sexual, agresións ou calquera tipo de discriminación, promovendo unhas festas seguras e libres de violencias.
Habilitaranse preto de 3.000 prazas de estacionamento a maiores.
No entorno da zona da verbena, reservarase case medio cento de prazas de aparcamento reservadas a persoas con mobilidade reducida.




