Os traballos conectarán o núcleo da parroquia do Obre desde Pereiro de Arriba para garantir o subministro fronte á seca.
O Concello de Noia vén de poñer en marcha as obras para conectar o núcleo de Balbargos, na parroquia do Obre, á rede municipal de abastecemento de auga. A intervención, adxudicada á firma Excavaciones Darío S.L. por un importe de 41.750 euros, ten como finalidade dotar deste servizo básico a un sector da localidade que carecía del ata o de agora.
O proxecto prevé a prolongación da canalización xeral desde Pereiro de Arriba, incluíndo o tendido de novas conducións, a instalación de cadansúas arquetas de control e a posterior reposición do pavimento e terreos afectados polos labores de escavación. Trátase dunha mellora planificada polo executivo local que cobrou especial urxencia tras as dificultades de subministro derivadas dos últimos períodos de seca.
O rexedor noiés, Fran Pérez, fixo fincapé na necesidade estratéxica destas obras: «Os últimos meses demostraron a importancia de seguir ampliando as redes municipais e reforzar as garantías de abastecemento. Queremos avanzar cara a unha rede cada vez máis extensa e fiable, que permita ofrecer alternativas nos núcleos que aínda dependen de pequenas traídas veciñais».
Na mesma liña, o edil de Obras, Manolo Seijas, subliñou a repercusión directa dos traballos no día a día dos residentes: «Non se trata só de facer grandes obras. Tamén temos que resolver problemas concretos que afectan á xente, e levar a auga a quen non dispón dela é precisamente unha desas actuacións». O goberno local enmarca esta intervención dentro da folla de ruta para completar progresivamente o saneamento e abastecemento en todo o rural noiés.





