O proxecto PLANCTON acada xa as 163 toneladas de refugallos recollidos na costa galega tras máis de 80 xornadas de limpeza.

Máis de corenta voluntarios participaron este sábado nunha nova xornada de limpeza ambiental na praia da Ladeira, enmarcada no Parque Natural de Corrubedo (Ribeira). A iniciativa, promovida por Afundación a través do seu Plan de Conservación Territorial PLANCTON —impulsado pola Obra Social de ABANCA—, permitiu retirar do areal preto de 165 quilos de residuos mariños e urbanos.
A mobilización contou co apoio do Concello de Ribeira, o equipo do Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e Lagoas de Carregal e Vixán, Grip Surf School e a xoiería Jael. Dende as 10:00 horas, o equipo percorreu a costa catalogando e pesando os refugallos atopados para avaliar a súa procedencia e impacto ecolóxico.

Entre os elementos máis salientables retirados do areal figuran:
- Restos plásticos indeterminados: preto de 7.500 fragmentos erosionados polo mar.
- Cabos e cordas: case 2.000 anacos procedentes de actividades náuticas e pesqueiras.
- Apeiros do sector bateeiro: 241 paus de batea, xunto con nasas, sedelas e unha rede de gran tamaño.
- Residuos de uso cotián e lecer: máis de 100 cabichas, ademais de latas, botellas de vidro e plástico, tapóns e calzado.
Esta xornada súmase a outras intervencións ecolóxicas desenvolvidas recentemente no municipio ribeirense, como a retirada de 3.000 pés de piñeiro e plantas invasoras nas dunas o pasado mes de abril ou a campaña de sensibilización “Mercados sen lixo” en xullo. Con esta nova recollida na Ladeira, o programa PLANCTON supera xa as 163 toneladas de lixo retiradas dos ecosistemas costeiros galegos ao longo de máis de 80 operativos.





