
A conselleira do Mar, Marta Villaverde, visitou hoxe as instalacións de Conservas Sotavento, onde fixo entrega á compañía do distintivo oficial “Artesanía Alimentaria” para as conservas de peixes e mariscos. O recoñecemento, outorgado pola Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), permite á empresa empregar este selo da Xunta de Galicia nas súas elaboracións.
A titular de Mar destacou que o modelo de Conservas Sotavento mantén “un marcado carácter artesanal, incorporando procesos manuais desde a preparación do produto ata o envasado e etiquetado”.
A compañía aposta ademais polo produto de proximidade, empregando sardiña, polbo, mexillón, navalla e algas procedentes das rías galegas, e utiliza envases de vidro que requiren a colocación das pezas á man.
A titular de Mar resaltou o “respaldo continuado” da Xunta ao desenvolvemento deste proxecto empresarial e recordou que Mar concedeu “preto de 200.000 € en axudas a Conservas Sotavento para apoiar diferentes investimentos vinculados á transformación e comercialización dos produtos do mar”.
Entre as actuacións apoiadas figuran a creación dunha sala de elaboración de conservas artesanais orientada á posta en valor da pesca costeira e das marcas locais, melloras de eficiencia enerxética, a instalación dunha nova liña para a elaboración de sardiña, investimentos para optimizar a produción e o envasado de peixe e conservas e accións de promoción dos produtos pesqueiros.

Villaverde salientou que o selo Artesanía Alimentaria permite recoñecer e diferenciar as conservas elaboradas segundo métodos artesanais. Desde 2025, estas producións contan cunha norma técnica específica que regula aspectos como as materias primas, os procesos de elaboración e o grao de mecanización permitido.




