
O BNG de Rianxo celebrou nun comunicado a recolocación da imaxe da Virxe de Guadalupe en Tanxil, realizada por encargo da familia dos Baltar no ano 1932 ao escultor Francisco Asorey. “Desde entón”, indicaron, “a imaxe da Moreniña que ollaba a ría dende a praia de Tanxil converteuse nun monumento arraigado ao sentir rianxeiro ata que no ano 2005 o monumento foi retirado por mor do perigo que supoñía o desprendemento do cantil no que se situaba”.
Logo de 21 anos “de ausencia e o malestar que isto ocasionaba” entre a veciñanza, “a Virxe está de Volta”, salientaron.

O portavoz municipal do BNG, Fran Rei, afirmou que “hai imaxes que forman parte dun pobo e a Guadalupe de Tanxil é unha delas”, e que, “pasaron máis de vinte anos, pero a vontade de volver ver a Virxe no seu sitio nunca desapareceu”.
José Vázquez, edil nacionalista de Rianxo, destacou que “para moitas xeracións de rianxeiros e rianxeiras, a Virxe en Tanxil forma parte das súas lembranzas e da propia paisaxe coa que medraron. É bonito poder vela de novo alí”, sinalou.
Por outra banda, os nacionalistas consideran que “o momento da recolocación podería terse compartido máis coa veciñanza”. E engadiron: “Moita xente trasladounos que lle tería gustado poder ver como a Virxe volvía ao seu emprazamento orixinal. Houbera sido moi bonito que se avisase á veciñanza e que Rianxo puidese vivir ese momento. Tal e como se fixo, quen quería ver como se colocaba a Virxe tiña que estar alí practicamente por casualidade”.
Tamén botaron en falta un convite do alcalde para que a Corporación municipal participase no acto de inauguración da Virxe da Guadalupe no seu emprazamento orixinal en Tanxil.
O portavoz municipal do BNG, Fran Rei, sinalou que “despois de máis de vinte anos fóra do seu lugar, a volta da Virxe da Guadalupe a Tanxil é un momento importante para todo Rianxo e consideramos que debería ter sido tratado como tal”.
“O importante é que a Virxe xa está no seu sitio”, incidiron, engadindo que “tamén queremos agradecer publicamente a todas as persoas que durante estes anos pularon para facer posíbel o regreso da Virxe ao seu lugar.”
O BNG de Rianxo considera que a recuperación da imaxe é “un logro colectivo do pobo de Rianxo”.




