Padrón abre o 7 de setembro as inscricións para as escolas deportivas e actividades físico-deportivas

27 Agosto 2026

O Concello de Padrón abrirá o vindeiro luns 7 de setembro o prazo de inscrición para participar nas escolas deportivas municipais e nas actividades físico-deportivas programadas para o curso 2026-2027. Nesta primeira fase poderán formalizar a matrícula as persoas empadroadas no municipio, mentres que a partir do 16 de setembro as inscricións abriranse a todo o público.

A programación municipal ofrece propostas para diferentes idades, desde actividades de iniciación para os máis pequenos ata modalidades deportivas para nenos, nenas e adolescentes e un amplo programa de exercicio físico dirixido á mocidade e á poboación adulta.

Entre as principais novidades deste curso atópase a incorporación da escola deportiva de hockey, dirixida a persoas nadas entre os anos 2012 e 2021. As sesións desenvolveranse no pavillón do Grupo Escolar os martes, de 19.00 a 20.00 horas, e os venres, de 17.30 a 18.30 horas.

A oferta das escolas deportivas municipais complétase con motricidade, atletismo, baloncesto, fútbol sala, judo, patinaxe artística, tenis, voleibol, ximnasia rítmica e xadrez, con grupos establecidos en función das idades e actividades distribuídas entre o pavillón do Souto, o pavillón do Grupo Escolar e a Escola Unitaria de Iria Flavia.

Nova actividade de bailes de salón e latino

Outra das incorporacións á programación do curso 2026-2027 son os bailes de salón e latino para persoas adultas. As clases impartiranse os sábados, de 18.00 a 19.00 horas, na sala multiusos do pavillón do Souto.

Dentro da programación físico-deportiva para maiores de 14 anos tamén se ofertan cardiofit, escola lumbar, fit bike, GAP/cardio, hipopresivos, ioga e relaxación, pilates, tenis, ton, ximnasia de mantemento e xogos populares – chave. Esta última actividade é gratuíta e desenvolverase os martes e venres, de 11.00 a 13.00 horas, no paseo do Espolón e no pavillón do Souto.

As actividades do novo curso comezarán o 28 de setembro de 2026 e prolongaranse ata o 17 de xuño de 2027.

Matrícula e inscricións

As tarifas establécense en función da idade. A matrícula para toda a tempada será de 40 euros para escolares de 3 a 17 anos, 50 euros para mozos e mozas de 18 a 25 anos e 60 euros para persoas de 26 ou máis anos. Existe tamén unha modalidade familiar, para parellas e descendentes menores de 18 anos, cunha matrícula de 120 euros por tempada. A estas cantidades súmase unha cota por actividade de 5, 7 ou 10 euros por tempada segundo o grupo de idade. As familias numerosas contarán cunha bonificación do 10 %.

As persoas interesadas poden obter máis información e formalizar a inscrición na Oficina de Deportes, situada no Centro Social do Concello de Padrón, no Campo do Souto nº 2, a través dos teléfonos 664 076 974 e 981 811 329 ou no correo electrónico deportes@padron.gal.

Outros artigos

Sábado 12, tempo seco e solleiro cunha suba xeral das temperaturas

O tempo anticiclónico continuará a marcar o panorama meteorolóxico en Galicia durante a xornada deste sábado 12, Santa Uxía, festivo local en Ribeira. A comunidade permanecerá baixo a influencia directa das altas presións, ás que se sumará a entrada progresiva dunha...

+

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.