A alcaldesa de Ribeira presenta o primeiro curso de Investigación Traslacional en Obesidade

26 Agosto 2026

Ribeira acolle no 4 e 5 de setembro o primeiro curso de Investigación Traslacional en Obesidade: do laboratorio á práctica clínica, unha actividade formativa dirixida a profesionais da saúde e que contará con especialistas na materia para poñer o foco en como a obesidade se foi consolidando como unha enfermidade crónica multifactorial con implicacións metabólicas, cardiovasculares e sociais.

Ana B. Crujeiras, Luisa M. Seoane, Sulay Tovar e María Pardo, en representación da Sociedade Española de Obesidade (SEEDO), son as organizadoras locais deste encontro que pretende afondar na necesidade de trasladar de maneira eficiente os avances dos últimos anos á práctica clínica diaria.

Segundo explicaron, este curso “permitirá comprender os mecanismos biolóxicos emerxentes da obesidade, interpretar a investigación traslacional recente e aplicar novas ferramentas terapéuticas e diagnósticas na súa práctica clínica”.

Preténdese, en consecuencia, reducir a brecha entre o laboratorio e a consulta, fomentando un manexo da obesidade baseado na evidencia e na innovación biomédica.

A alcaldesa de Ribeira, María Sampedro, na compaña da concelleira de Cultura, Ana Barreiro, manifestou a dimensión desta iniciativa, pois “a obesidade é un dos grandes problemas de saúde da nosa sociedade e cremos que as administracións públicas tamén temos a responsabilidade de apoiar iniciativas que permitan coñecer mellor esta enfermidade e, sobre todo, conseguir que os avances da investigación repercutan nunha mellor atención e calidade de vida das persoas”. Seguindo este fío, a rexedora referiuse á importancia de que un encontro científico destas características se celebre no municipio: “Queremos que a nosa cidade sexa tamén un lugar onde se xere e se comparta coñecemento e demostrar que a ciencia e a formación de alto nivel poden saír dos grandes centros urbanos e atopar en municipios como Ribeira unha contorna extraordinaria para o intercambio científico”.

Ademais do encontro científico celebrarase unha gala benéfica a favor da investigación sobre a obesidade no venres, 4 de setembro, ás 20.30 horas, no novo Auditorio Municipal, a cal versará sobre Ciencia e Sociedade. Achegando a investigación en obesidade á cidadanía. A entrada solidaria establécese nos 5 euros e contará coa participación de Boticaria García e Javier Butragueño para falar sobre Entrega para a vida, ademais das actuacións de Alfaia e Alecrín. E, unha vez finalice o coloquio, presentarase o libro Mujeres de hierro. Tamén se habilita a fila 0 para quen queira colaborar, pero non poida achegarse.

A investigadora e organizadora, Ana B. Crujeiras, xunto á súa compañeira, Luisa M. Seoane, expuxo a natureza deste curso que nace coa finalidade de “acurtar a distancia entre o que descubrimos no laboratorio e o que podemos facer por unha persoa con obesidade na consulta. Estamos vivindo un dos momentos máis apaixonantes na investigación da obesidade. Durante moito tempo transmitiuse unha visión excesivamente simplificada desta enfermidade, practicamente reducida a comer demasiado e movese pouco. Hoxe sabemos que a realidade é moitísimo máis complexa. E sabemos tamén que non existe unha única obesidade”.

Outros artigos

Publicidade

PEL

Revista en papel

Opinión

“A españolidade dos saharauís xa é oficial” – Antón Luaces

“A españolidade dos saharauís xa é oficial” – Antón Luaces

O Congreso dos Deputados aprobou  -medio século dempois da ocupación do Sáhara Occidental por Marrocos- a nacionalización de saharauís, feito que se produce en plena polémica co país norteafricano. A medida pode afectar/beneficiar a aproximadamente 80.000 persoas e os...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.