A cita deportiva reuniu a 125 xogadores nas instalacións de Barbanza Golf e consolidouse como o torneo máis lonxevo do club.

As instalacións de Barbanza Golf acolleron esta fin de semana a duodécima edición do Torneo de Golf Congalsa, unha cita xa consolidada no calendario estival que reuniu a un total de 125 participantes, entre os que destacou a presenza de 61 xogadores sénior e 25 na categoría júnior. O evento concluíu este domingo coa entrega de premios aos mellores clasificados de cada modalidade.
Na modalidade Scratch, o triunfo absoluto foi para Rodrigo Furelos Liñares, seguido por Fernando Agrelo Pérez no segundo posto. Pola súa banda, a clasificación de Hándicap estivo encabezada por Juan Carlos Guerra Santos, con José Vicente Carrera Framil como segundo clasificado.
Cadro de honra por categorías:
- Sénior (+50 anos): José Carlos Fagin Taboada
- Júnior (-21 anos): Pablo Gosende Pérez
- Feminina: Dolores Batalla Rodríguez

O acto de clausura contou coa presenza de Alberto Colón, presidente do Club Deportivo Barbanza Pitch & Putt, xunto a representantes de Congalsa e membros do cadro de golf da empresa. Durante a súa intervención, a directora de Relacións Externas da Corporación Empresarial Congalsa, Isabel Cañas, subliñou o valor desta competición: «O torneo de golf é unha das iniciativas deportivas promovidas desde Congalsa que máis orgullo xera na compañía, tanto pola súa ampla e sólida traxectoria como por contar cun equipo propio que leva o nome da empresa». Cañas destacou tamén o rol do torneo como punto de encontro e mostra do compromiso da firma coa súa contorna.
Pola súa banda, Alberto Colón definiu a competición como «un clásico estival en Barbanza Golf», celebrando a convivencia interxeracional nunha disciplina que suma adeptos cada ano.
Con máis dunha década de historia, o campionato reafírmase como a proba máis antiga do club boirense grazas ao seu ambiente familiar e aberto. A xornada rematou cunha degustación gastronómica baseada nunha selección de produtos de Congalsa para todos os asistentes.




