As restricións no consumo de auga non son cousa nova na comunidade autónoma galega, onde concellos coma os de Fisterra, Vigo, As Pontes, A Estrada e Valdeorras son, a priori, os máis necesitados dunha urxente intervención por parte de Augas de Galicia para solucionar o dilema.
Son testemuña presencial do comezo da chegada de auga ao encoro que hoxe en día subministra esta aos concellos da área coruñesa. A auga comezou a ser embalsada en Cecebre nos primeiros días de xuño de 1976. Era auga procedente dos ríos Mero e Barcés e comezou por acceder a vivendas, cortes de gando, galiñeiros, etc., diante dos propietarios destes, que se laiaban da perda malia as compensacións económicas adxudicadas no seu momento. O encoro fai fronteira cos concellos de Oza dos Ríos, Carral, Cambre, Betanzos e Abegondo e da servizo á área metropolitana coruñesa. Cubre un espazo dunhas 1.300 hectáreas e está considerado Lugar de Importancia Comunitaria.
Este encoro é un dos fíos condutores que a Consellería de Medio Ambiente da Xunta tenta seguir diante da necesidade que a comunidade autónoma ten de non depender tanto como depende arestora da auga da choiva. A solución é dispoñer de máis encoros que contribuirían decisívamente a facer fronte ás secas que afectan desde vai anos a Galicia.
Máis de 30 concellos das provincias da Coruña e Pontevedra están en alerta e máis de douscentos en prealerta. A conselleira, Ángeles Vázquez, foi clara e tallante esta semana en Oleiros: está decidida a incrementar o número de encoros, non quere que os galegos pasemos sede.
A pasada noite do mércores ao xoves, choveu algo, pouco. Nunca dabondo. E a previsión a futuro non é boa. Fan falta choivas que aumenten a auga encorada, que eleven o nivel da que levan os ríos na actualidade e que a demanda estacional non impida o uso racional deste líquido elemento tan necesario para todos nós polo que estamos a pagar tan caro.
A inexistencia de encoros que embalsen a auga que deixamos perder no mar debe solucionarse. É preciso dispoñer de máis auga encorada, que permita o uso debido dela. E, ao parecer, a conselleira de Medio Ambiente aposta por facelo, sen que isto signifique encher Galicia de encoros.
A comunidade galega ten nove encoros de abastecemento (o último construido en Caldas de Reis, que entrou en funcionamento no ano 2001). Amáis están os de Cecebre, Eiras, Forcadas, Zamáns, Pontillón de Castro, Baiona, Beche e Vilagarcía.
A consellería percura tamén resultados que poñan remedio aos efectos das secas mediante a captación de augas subterráneas que abastecerían zonas periurbanas de grandes cidades durante os meses de verán.
Chegaremos a ver estas solucións?.




