O contrato sae por dous anos con posibilidade dun de prórroga e un prezo máximo de 25,54 euros por hora para garantir a atención á dependencia. Rois manterá como festividades locais o luns de Pascua (29 de marzo) e a festividade de Santo Isidro (15 de maio)

O Pleno da Corporación municipal de Rois aprobou este venres os novos pregos para volver licitar o Servizo de Axuda no Fogar (SAF), logo de que a empresa cordobesa Uniges-3 presentase a súa renuncia o mesmo día en que se lle ía adxudicar o contrato o pasado 31 de xullo. O novo prego recolle unha vixencia de dous anos máis un de prórroga, cun valor estimado total de 1.915.680 euros (IVE incluído), o que supón un custo anual de 638.560 euros.
A proposta saíu adiante cos sete votos favorables do Partido Popular e o rexeitamento do PSdeG, cuxo grupo xustificou a súa postura ao considerar que o estudo de custos presenta erros. O novo deseño mantén as condicións do prego anterior cun lixeiro incremento económico, ata fixar o prezo máximo en 25,54 euros por hora (24,56 euros sen IVE) para cubrir unha demanda calculada en 25.000 horas anuais de atención. As empresas contarán con 35 días naturais para achegar ofertas unha vez publicada a licitación no Diario Oficial da Unión Europea; mentres non se resolva o concurso, o servizo continuará en mans da actual prestataria, Attende Care SL.
Obradoiro conxunto con Teo, camiño en Ferreiros e festivos
Na mesma sesión plenaria deuse luz verde por unanimidade á solicitude conxunta co Concello de Teo dun obradoiro de emprego dual á Xunta. O programa prevé a formación remunerada durante nove meses de 20 persoas sen emprego —10 no eido de xardíns e espazos verdes e outras 10 no de albanelaría e pavimentación—. A xestión administrativa recaerá en Rois e a meirande parte das actuacións prácticas centraranse no adecentamento de parques infantís, escolas e lavadoiros deste municipio.
Así mesmo, a corporación aprobou de xeito unánime a desafectación de 129 metros cadrados de camiño público no lugar de Ferreiros (parroquia de Costa) por petición veciñal. No capítulo de calendario laboral para o ano 2027, Rois manterá como festividades locais o luns de Pascua (29 de marzo) e a festividade de Santo Isidro (15 de maio).




