
A Editorial Galaxia e a Secretaría Xeral da Lingua presentaron este 31 de xullo a publicación gañadora na última edición do 2025 do Premio Ramón Piñeiro de Ensaio, A arte de non morrer. Antropoloxía da lonxevidade galega, do médico ourensán Roberto Fernández Álvarez, á vez que anunciaron a nova convocatoria do certame.
Na cita participou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen enxalzou o galardón “como un dos máis relevantes neste xénero cunha grande transcendencia para a nosa lingua”.
Durante o acto, lembrou que esta obra, que sae á luz grazas ao premio, “vai ter unha contribución moi útil a nivel científico e divulgativo”, resaltando, ademais, que son moitos “os médicos que forman parte do noso acervo cultural como é este o caso”. Así, o libro, puntualizou, “ten a capacidade para achegarnos un tema de relevancia como é o da esperanza media de vida e a lonxevidade social empregando o galego como lingua vehicular tamén para este tipo de escritos vencellados ao pensamento, contribuíndo así ao seu prestixio”.
O galardón, cuxas bases da nova convocatoria xa están publicadas xa no Portal da Lingua e que organiza o Goberno galego e a Editorial Galaxia coa colaboración da Caixa Rural Galega, vai este ano pola súa vixésimo sexta edición coa intención, apuntou Valentín García “de seguir afondando na tradición do pensamento literario baixo a inspiración da traxectoria intelectual de Ramón Piñeiro”.
Neste senso, o obxectivo da iniciativa é o de impulsar as formas de creación e expresión do pensamento libre e democrático, a precisión e o estilo da lingua galega, o debate e a reflexión ao redor dos temas varios do noso tempo. Poderá presentarse, ata o 1 de novembro, calquera persoa sempre que os orixinais sexan inéditos e estean escritos en galego con temática libre.



