O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, presentou este mércores 1 de xullo os detalles da nova ambulancia medicalizada incorporada á comarca do Barbanza: unha unidade que segundo dixo “permitirá mellorar a atención sanitaria urxente para máis de 75.000 habitantes de Ribeira, Rianxo, Boiro, A Pobra do Caramiñal e O Porto do Son”.

Sinalouno así durante a visita ao Hospital Público de Barbanza, onde inicialmente terá a súa base esta nova ambulancia, nun acto no que tamén participaron o director da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia 061, Román Gómez, o director xeral de Atención Primaria e Comunitaria do Servizo Galego de Saúde, Salvador Mariño-Ageitos, e o xerente da área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio.

Gómez Caamaño informou de que a ambulancia medicalizada “estará operativa as 24 horas do día, dotada con equipamento avanzado e cun equipo formado por un profesional médico, un de enfermería e un técnico en emerxencias sanitarias”.
Tal e como detallou o conselleiro de Sanidade, “este novo recurso xustifícase tanto polo volume de poboación como polo incremento sostido da actividade asistencial que se rexistra na comarca, onde, ademais, concéntranse varios polígonos industriais”.
Lembrou que só en 2024 o 061 realizou preto de 7.000 asistencias en Barbanza e atendeu máis de 8.500 pacientes, dos cales máis da metade precisaron traslado hospitalario.

A isto engádese, como sinalou Gómez Caamaño, “que o Hospital de Barbanza efectuou máis de 1.700 traslados secundarios ao Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela, dos cales case o 40 % precisou unha ambulancia medicalizada”.
Á vista destes datos, engadiu, “a Xunta comprometérase co Concello de Ribeira, co persoal do hospital comarcal e cos colectivos empresarias da zona a poñer en servizo este ano a nova ambulancia medicalizada, que hoxe entrou en funcionamento”.




