Padrón converterase nun gran escenario medieval do 3 ao 5 de xullo con máis de medio cento de actividades para toda a familia

26 Xuño 2026

O Concello de Padrón converterá de novo o seu centro histórico nun gran escenario medieval coa celebración da Feira Medieval, que terá lugar do 3 ao 5 de xullo con máis de 90 postos. Durante tres días, veciñanza e visitantes poderán mergullarse nun ambiente inspirado na Idade Media a través dun mercado tradicional, demostracións de antigos oficios, animación permanente, espectáculos de gran formato e unha programación que supera o medio cento de actividades pensadas para todos os públicos. A compañía Pablo Méndez Performance presentará os espectáculos Quimera, que fusiona maxia, mitoloxía e danza acrobática, e o de lume Fire Dragons, co récord Guinnes da laparada máis longa do mundo.

O alcalde de Padrón, Anxo Arca, e a concelleira de Turismo e Festexos, Chus Campos, presentaron a programación oficial da décimo novena edición da Feira Medieval, unha cita xa plenamente consolidada como un dos grandes atractivos do verán padronés e un importante motor para a actividade comercial, hostaleira e turística da vila.

A presentación, celebrada este venres 26 de xuño, desenvolveuse aos pés do monumento a Macías o Namorado, no Xardín Botánico, un escenario cargado de simbolismo que lembra os vínculos históricos entre Padrón e Arjonilla (Xaén), municipios irmandados arredor da figura do lendario trobador medieval.

Explicaron que “ese irmandamento volverá ter un protagonismo especial nesta edición” e que a delegación de Arjonilla realizará o Camiño de Santiago desde Tui ata Padrón, onde será recibida oficialmente o sábado no Concello. Esa mesma xornada celebrarase un xantar de confraternidade que reunirá representantes institucionais e veciñanza de ambos municipios.

O domingo, o Concello anima tamén á cidadanía a sumarse á última etapa da peregrinación entre Padrón e Santiago de Compostela, acompañando á delegación xienense nun percorrido que simboliza a amizade e a colaboración que unen ambas localidades.

Durante a presentación, Anxo Arca, destacou que “a Feira Medieval é unha das grandes citas culturais e turísticas de Padrón, unha oportunidade para dinamizar a economía local e para seguir fortalecendo os lazos con Arjonilla a través dunha historia compartida arredor da figura de Macías o Namorado”.

Pola súa banda, Chus Campos convidou á veciñanza e ás persoas visitantes a participar “nunha fin de semana pensada para vivir as rúas de Padrón, gozar do ambiente medieval e descubrir unha programación variada para todas as idades”.

Un mercado medieval cheo de vida

A Feira Medieval abrirá as súas portas o venres 3 de xullo coa apertura do mercado, dos postos artesáns e das demostracións de antigos oficios. A primeira xornada incluirá tamén unha das actividades máis singulares da programación: a cata dos aceites El Trovador, de Arjonilla, dirixida pola doutora Brígida Jiménez Herrera. A actividade celebrarase ás 19.00 horas no restaurante Rivera, con inscrición previa e prazas limitadas.

Ao longo da fin de semana, as rúas de Padrón encheranse de música, teatro, personaxes fantásticos, malabares, maxia e animación itinerante da man dos grupos Gaeloc, Mazmorra e Miracus, así como das compañías La Nariz Roja, MocMoc e Pablo Méndez Performances, que recrearán un ambiente medieval durante toda a celebración.

A programación presta tamén unha especial atención ao público infantil e familiar, con obradoiros participativos, xogos tradicionais, pintacaras, atraccións, tren medieval e diferentes espectáculos repartidos ao longo das tres xornadas.

Entre as propostas máis agardadas destacan os espectáculos da compañía Pablo Méndez Performances. O sábado 4, ás 23.00 horas, a praza de Macías acollerá Quimera, unha produción que combina maxia, mitoloxía, danza acrobática e unha potente posta en escena visual.

Como broche final, o domingo ás 22.30 horas, o mesmo escenario será o punto de encontro para Fire Dragons, un espectáculo de lume que ostenta o récord Guinness da laparada máis longa do mundo e que, segundo informaron, promete pechar a Feira Medieval cunha exhibición de gran impacto visual.

Nesta edición, a Feira Medieval contará con 90 postos de artesanía, alimentación e gastronomía, consolidándose como unha das grandes citas do calendario estival de Padrón e un evento capaz de atraer cada ano a milleiros de visitantes á vila.

Outros artigos

A Casa RIA celebra en Santiago o seu segundo aniversario

A sede da Casa RIA en Santiago acolleu este 1 de xullo pola tarde a celebración do segundo aniversario da materialización desta sede na rúa Virxe da Cerca, sede da Fundación RIA: entidade envorcada en reivindicar a tradición arquitectónica, produtiva, social, cultural...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Alugueres sociais” – José Manuel Pena

“Alugueres sociais” – José Manuel Pena

España conta cunhas 40.000 persoas sen fogar. Un millón e medio familias viven en infravivendas. Dentro da Unión Europea, só Bulgaria e Letonia presentan indicadores de desigualdade máis altos que España. Segundo datos estatísticos da AEAT e do INE, a metade da...

“Matemáticas y Filosofía” – José Castro López

“Matemáticas y Filosofía” – José Castro López

Las universidades gallegas presentaron las ofertas docentes intentando responder a las demandas de los estudiantes y del mercado laboral en este tiempo en el que los perfiles profesionales son cada vez más transversales. En ese contexto llama especialmente la atención...