A 13ª edición do Noia Harp Fest completa a súa programación coa Real Filharmonía de Galicia e o arpista de jazz Park Stickney

25 Xuño 2026

A organización do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) presentou a programación completa da súa 13ª edición, que se celebrará do 29 de xullo ao 1 de agosto. Trátase, como lembraremos, do único evento cultural do noroeste peninsular dedicado á arpa, que para esta nova edición consolidará a súa aposta pola innovación, a creación propia e a diversidade de estilos. De feito, o cartel reúne desde a música clásica e antiga ata o jazz, a electrónica e a canción de autor. Serán dez concertos, todos eles de acceso gratuíto, nos que haberá un forte protagonismo das mulleres arpistas.

Presentación do festival con Rodrigo Romaní, principal impulsar do mesmo, acompañado do alcalde noiés, Francisco Pérez, de Chelo Martínez (concelleira de Cultura) e de Xosé Manuel Merelles (director de Turismo de Galicia). Na arpa, a arpista galega Gabriela Leirós. Foto de Jerry Elefarte.

Coa Filharmonía

O festival arrancará o mércores 29 de xullo no Teatro Coliseo Noela. A Real Filharmonía de Galicia protagonizará a xornada inaugural coa estrea mundial de Alén do azul, do compositor coruñés Teo Montero Rey. Esta obra foi a gañadora do Premio Portus Apostoli 2025, un galardón co que o Noia Harp Fest busca ampliar o repertorio actual para arpa e orquestra. Coincidindo coa presentación pública do festival, celebrada este xoves 25, a organización do evento abre a convocatoria para participar na seguinte edición do dito certame. As bases están dispoñíbeis na web oficial do festival, www.noiaharpfest.gal, e a obra galardoada será estreada na edición de 2027.

Park Stickney

Outra das novidades que se deron a coñecer este xoves 25 é o nome do último cabeza de cartel internacional do evento. Xunto aos xa anunciados con anterioridade (como o da escocesa Maeve Gilchrist, a irlandesa Siobhán Armstrong e a gambiana e británica Sona Jobarteh), o festival incorpora ao estadounidense Park Stickney.

O músico é coñecido por revolucionar o papel da arpa no jazz grazas ao seu virtuosismo técnico e capacidade única para a improvisación, ademais de por ser un referente mundial na técnica de pedais.

Stickney, quen compaxina a súa carreira artística co seu labor voluntario no corpo de bombeiros, é pioneiro no uso da arpa electroacústica e se considera un dos músicos máis influentes na evolución da arpa contemporánea.

O estadounidense actuará en Noia o venres 31 de xullo no Teatro Coliseo Noela co seu trío Gustaf, Frederick & Isabel.

“O son tenro e cálido do saxo tenor de Araxi Karnusian, o baixo de Björn Meyer e os sons da arpa de Park Stickney crearán unha atmosfera de contrastes que convidará ás e aos asistentes a participar nunha viaxe imaxinaria a través de composicións orixinais”, avanzou a organización na presentación do programa.

Os novos valores da arpa reúnense en Noia

Ademais das figuras consagradas no ámbito da interpretación da arpa a nivel mundial, Noia Harp Fest afondará neste 2026 nun dos seus piares fundamentais: a aposta polo talento máis novo e próximo co impulso e promoción dunha xornada de aprendizaxe e convivencia.

Encontro do alumnado de escolas arpas de Galicia nunha imaxe de Jerry Elefarte

Os novos valores da arpa terán a súa cita o xoves 30 de xullo (13:00 horas) no Liceo de Noia coa celebración da quinta edición do Encontro de Escolas e Alumnado de Arpa de Galicia. Esta xornada, que terá como acto central un concerto aberto ao público con actuacións grupais e individuais, contará coa participación de 22 estudantes de entre 8 e 18 anos procedentes de 4 centros: do Conservatorio das Artes Mayeusis (Vigo), do Conservatorio de Torroso (Mos), da Escola Municipal de Música de Santiago e da Escola Municipal de Música Folk e Tradicional de VIgo (ETRAD).

O alumnado interpretará, de forma conxunta, unha peza composta pola escocesa Maeve Gilchrist, quen ademais dirixirá a actuación. Así, por segundo ano consecutivo, as e os arpistas máis novos do país interpretarán unha obra baixo a dirección dunha das figuras internacionais do cartel do festival, como xa fixeran no 2025 co bretón Kevin LePennec.

A arpista galega Gabriela Leirós nunha imaxe de Jerry Elefarte

Dez concertos e catro estreas para descubrir Noia a través da arpa

Con estas incorporacións, Noia Harp Fest pecha un cartel que se completa coas propostas exclusivas para o festival que ofrecerán Beatriz Martínez con Acacia Ojea e a Banda do NHF con Su Garrido Pombo; ademais dos concertos de Manuel Vilas con Entrebescant (coas réplicas dos instrumentos medievais de San Martiño) e de Neleta Ortiz co cellista Thomas Piel (coa estrea dunha obra do italiano Enrico Mainardi); e o das recoñecidas Maeve Gilchrist, Siobhán Armstrong e Sona Jobarteh, quen pechará o evento o sábado 1.

Como en anos anteriores, todos os concertos serán de acceso libre ata completar a capacidade dos espazos que inclúen desde o Teatro Coliseo Noela e o Liceo de Noia ata marcos históricos como a igrexa de Santa María A Nova, a de San Francisco -e o seu claustro- ou mesmo a praza do Tapal.

13º Noia Harp Fest

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia é unha iniciativa promovida por Nalgures Producións e cuxa dirección artística recae na Asociación Cultural Noia Harp Fest. O evento, que se celebrará do 29 de xullo ao 1 de agosto, conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta de Galicia a través de Turismo de Galicia e do proxecto Concertos do Xacobeo. Tamén colaboran a Sociedade Cultura Recreativa Liceo de Noia, a Asociación Española de Arpistas (AEDA) e a Deputación Provincial da Coruña e Acción Cultural Española.

Programación completa do Noia Harp Fest

29.07 Teatro Coliseo Noela | Real Filharmonía de Galicia. Estrea de ‘Alén do azul’, gañadora do Premio Portus Apostoli 2025

30.07 Liceo de Noia | V Encontro de Escolas e Alumnado de Arpa de Galicia

30.07 Teatro Coliseo Noela | Maeve Gilchrist

30.07 Teatro Coliseo Noela | Beatriz Martínez e Acacia Ojea

31.07 Igrexa de Santa María A Nova | Siobhán Armstrong

31.07 Teatro Coliseo Noela | Banda do NHF con Su Garrido Pombo

31.07 Teatro Coliseo Noela | Park Stickney: Gustaf, Frederick & Isabel Trio

01.08 Igrexa de San Francisco | Manuel Vilas e Entrebescant

01.08 Claustro de San Francisco | Neleta Ortiz

01.08 Praza do Tapal | Sona Jobarteh

Outros artigos

A Casa RIA celebra en Santiago o seu segundo aniversario

A sede da Casa RIA en Santiago acolleu este 1 de xullo pola tarde a celebración do segundo aniversario da materialización desta sede na rúa Virxe da Cerca, sede da Fundación RIA: entidade envorcada en reivindicar a tradición arquitectónica, produtiva, social, cultural...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Alugueres sociais” – José Manuel Pena

“Alugueres sociais” – José Manuel Pena

España conta cunhas 40.000 persoas sen fogar. Un millón e medio familias viven en infravivendas. Dentro da Unión Europea, só Bulgaria e Letonia presentan indicadores de desigualdade máis altos que España. Segundo datos estatísticos da AEAT e do INE, a metade da...

“Matemáticas y Filosofía” – José Castro López

“Matemáticas y Filosofía” – José Castro López

Las universidades gallegas presentaron las ofertas docentes intentando responder a las demandas de los estudiantes y del mercado laboral en este tiempo en el que los perfiles profesionales son cada vez más transversales. En ese contexto llama especialmente la atención...