A convocatoria dos Premios Peña Novo cumpren trinta anos. Unha iniciativa promovida
por un grupo de funcionarios/as locais, neste caso do Concello de Redondela, integrados
no Colectivo Galeguizar Galicia (www.galeguizargalicia.gal) que tanto ten contribuído a
dinamizar o fomento da lingua galega nas administracións públicas e outras esferas
sociais. Este trixésimo aniversario evidencia algo que afirmamos o día que decidimos
rescatar a memoria do intelectual galeguista máis lúcido do seu tempo para apadriñar as
honras que se lles fan a todas aquelas persoas e entidades que son merecentes delas.
Como adoita acontecer, algúns apresuráronse a poñerlle data de caducidade a aquela
idea que se escenificou por primeira vez no castelo de Soutomaior; razóns non lles
faltaban, porque son contadas as iniciativas que teñen continuidade tan longa no tempo.
Este prodixio foi posible grazas ao entusiasmo dese grupo de funcionarios/as municipais
no que sobrancea o intelixente activismo de Carme Vaquero.Trinta convocatorias que
foron espertando o interese en milleiros de persoas que acudiron ás sucesivas
celebracións. Este ano o acto celebrarase o próximo día 2 de xullo ás 19:00 horas
en Redondela, na Casona da Torre (Estrada N-552) por mor das obras que se están a
facer no castelo de Soutomaior.
Se facemos un balance das edicións precedentes, a conclusión é que foron escollidas as
mellores propostas en cadanseu momento. Referentes persoais, sociais e institucionais
que afincan a identidade galega.
Nesta edición o xurado que estivo presidido pola Fiscala Superior de Galicia dona Carme
Eiró acordou premiar a dúas persoas sobranceiras da nosa cultura e unha entidade
deportiva de notabre influencia social.
A don Xosé Manuel Beiras pola súa longa, coherente e exemplar traxectoria a prol da
dignificación de Galicia ao longo da súa dilatada vida. A través da súa obra, do seu labor
docente, da súa presenza institucional e do seu maxisterio brillante e constante no debate
público convertendo a nosa lingua nunha ferramenta de pensamento, ciencia económica,
reflexión política e compromiso social. O xurado valorou especialmente a súa
participación en proxectos como a Revista de Economía de Galicia, e a súa extensa obra
publicada, nomeadamente “O atraso económico de Galicia”, referencia esencial para a
análise crítica e interpretación da realidade galega.
A dona Aurora Marco López, profesora universitaria, investigadora e escritora recoñecida
polo seu amplo labor no estudo da historia de Galicia. Pola súa contribución decisiva
facendo visibles figuras femininas esquecidas ou marxinadas pola historia oficial, e polo
compromiso constante coa lingua galega, O xurado valora unha obra sólida e continuada
con títulos fundamentais como o “Dicionario de mulleres galegas”, “Mulleres na guerrilla
antifranquista galega”, “Elas” ou “Irmandiñas”. Dona Aurora Marco malia non ser galega
agasallounos coa súa afervoada integración no país , escribindo, falando e pensando en
galego.
Ao Servizo de Comunicación do Real Club Celta de Vigo pola incorporación da lingua
galega nun ámbito de enorme repercusión social como é o fútbol profesional, contribuíndo
á normalización lingüística, levando o noso idioma a espazos de máxima visibilidade O
xurado valorou positivamente o uso da lingua galega na comunicación corporativa, nos
encontros deportivos, nas ferramentas dixitais na aplicación oficial, redes sociais e na
relación cos siareiros; nomeadamente entre a mocidade, as familias e a comunicación
dixital, salientando a súa capacidade para asociar o galego á emoción deportiva.
Un ano máis os Premios L. Peña Novo recoñecen ás persoas e entidades que co seu
esforzo fan que acrecenten a autoestima e conciencia de galeguidade.
Presidente Fundación L.Peña Novo.



