ctBarbanza: “A dixitalización axudará ás empresas e aos traballadores no caso de que se dea unha nova crise sanitaria”

03 Xuño 2020
Daniel de La Concepción, Tania Rodriguez, Fernando Ferro e Jorge Parada, os integrantes de ctBarbanza

Moitas cousas van cambiar para sempre logo da crise da COVID-19, e tamén a nosa forma de traballar, de comunicarnos e de formarnos. Boa parte destas transformacións xa as levan adoptando dende hai anos os profesionais do mundo da informática, é o caso das e dos integrantes do Centro Tecnolóxico do Barbanza S. Coop. Galega (ctBarbanza), a comunidade de traballo colaborativo e innovador con sede principal en Ribeira, que nos conta na seguinte entrevista como están a afrontar a crise sanitaria e a desescalada e transmítenos a súa opinión sobre as consecuencias da pandemia para o sector económico. Segundo fan saber, teñen claro que a dixitalización das empresas, e do noso día a día en xeral, será unha arma eficaz de loita contra as consecuencias de que se dea, oxalá que non, unha nova crise sanitaria. O equipo de ctBarbanza (Jorge Parada, Daniel de la Concepción, Fernando Ferro e Tania Rodríguez Cadillo) tamén nos achega a súa opinión sobre a fenda dixital, agravada pola pandemia e o confinamento, e os xeitos de plantarlle cara.

-Como afectou a crise sanitaria e a obriga de teletraballar a xente coma vós, os profesionais da informática, que xa leva aplicando esta fórmula de traballar a distancia dende hai unha chea de anos? Poderiamos dicir que de entre todos os sectores profesionais, vós estades entre os que menos se van ver obrigados a mudar radicalmente hábitos laborais?

-Dende que decidimos formar Centro Tecnolóxico do Barbanza tiñamos claro que o teletraballo ía ser parte do noso funcionamento, xa que, parte dos nosos empregados e colaboradores non se atopan vivindo preto da nosa contorna. E o mesmo sucede cos nosos clientes, os cales proceden de diferentes partes da xeografía nacional e internacional. O teletraballo facilítanos manter o contacto coas persoas cas que estamos traballando, podendo deste xeito levar a bo porto os proxectos.

Nós entre todos os sectores se cadra sexamos dos que menos teñamos que mudar de hábitos. Iso si, no que máis notamos o cambio foi na forma de planificar os proxectos novos, xa que entre os que estabamos na oficina viña sendo costume reunirnos e escribir sobre un encerado como o íamos resolver.

-Considerades dende ctBarbanza que, dalgún xeito, o Estado de Alarma non fixo máis que acelerar o proceso de adopción xeral do teletraballo, un proceso que, por outra banda, era máis que inevitábel?

-Este proceso de dixitalización era inevitábel e ademais un proceso positivo para todos. Cremos que o confinamento veu ben para que as empresas comezasen a facer o cambio cara ao dixital e poñerse ao día no teletraballo. Ademais, isto favorece e da pé a que nun futuro, no caso doutro imprevisto destas características, non nos colla desprovistos e tanto ás empresas coma aos traballadores lles resulte máis fácil continuar coa súa actividade normal. De feito as empresas que están sufrindo menos danos coa COVID-19 son as que viron a dixitalización como un investimento no lugar dun gasto ou dun inimigo.

-Cales son, en resumidas contas, as vantaxes de desenvolver o noso día a día laboral, sempre que sexa posíbel, dende calquera punto onde teñamos conexión a Internet e un equipo informático con ferramentas para traballar e xestionar?

-Existen moitas vantaxes, tanto para as empresas coma para os traballadores.

Por unha banda, as empresas poden encontrar novos traballadores que non se atopen na súa redonda e aumentar o perfil que se esixe para os postos. Ademais, poden levar máis lonxe a súa marca, chegando a clientes de lugares máis afastados do seu epicentro.

Pola outra, os traballadores poden ter máis facilidades para a conciliación familiar e a xestión e o aproveitamento do tempo, que implican a redución do estrés e a fatiga laboral.

En términos xerais, o teletraballo tamén é beneficioso para a sociedade, xa que a pegada medioambiental vese reducida ao diminuír os desprazamentos ao centro de traballo, facendo que o tráfico sexa menor e se reduza tanto a polución coma a posibilidade de accidentes de tráfico.

-Falemos agora de fenda dixital. Moita xente estes días de confinamento viuse obrigada a usar as ferramentas tecnolóxicas para o seu día a día laboral, para facer trámites coas administracións ou para dar continuidade á docencia dos máis pequenos. Isto non achegou grandes problemas para quen xa estaba conectado e tiña hábitos informáticos, pero creou un gran problema (unha gran fenda dixital) para quen non tiña Internet na casa, nin dispositivos nin o coñecemento axeitado. Estades de acordo en que isto é un grave problema de discriminación social? Que solución lle dariades vós?

É certo, hai xente que non o vía necesario ou non tiña posibilidade de acceder aos coñecementos ou medios para o mundo dixital. Moita xente só vía en Internet unha ferramenta de ocio, un pasatempo, máis que un aliado de utilidade para resolver o día a día, xa sexa laboral, administrativo ou educativo.

Para poder dar solución a isto é necesario comezar cunha formación da poboación, para que comprendan que as ferramentas dixitais poden facilitar e axilizar os seus quefaceres, tendo en conta que cada vez é máis necesario. Outra solución é facilitar medios por parte das administracións e dos centros, tanto de traballo como educativos.

Así mesmo, hai que ter en conta que as ferramentas teñen que ser intuitivas para todos os públicos, cousa que non sempre pasa.

Por outra banda, cremos que o acceso a unha conexión á Rede nos lugares rurais debe ser mellorada, xa que moitas veces a única solución é empregar sistemas moi rudimentarios e insuficientes, e se cadra nalgúns dos casos só nos queda esperar a que as novas tecnoloxías, como pode ser o 5G, avancen e cheguen a todos.

Outros artigos

“Plan de Rescate da Sanidade Pública Galega”. Xosé Mª Dios Diz

“As listas de agarda constitúen unha das formas máis sofisticadas de crueldade. Son producto dun Sistema que intentaatender a todos con recursos cos que so se pode atender a algúns”. Juan José Millás: escritor. Valencia. 1946.Esta reflexión nos indica que os...

+

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

“Un negocio moi rendible” – José Manuel Pena

Demasiada hipocrisía en materia de vivenda por parte de moito axentes políticos, sociais e empresariais. A vivenda continúa sendo un negocio e moi rendible para uns poucos propietarios sen escrúpulos, para os fondos voitre, grupos inmobiliarios e grandes propietarios,...

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

“Teresa de Antas” – Xulio Xiz

A Casa da Cultura de Antas de Ulla chámase Teresa Batán. Bautizárona co nome da muller que entregou a vida á Biblioteca do seu pobo. Para min é Teresa de Antas desde hai máis de trinta anos, amiga admirada pola dedicación preocupada pola cultura e polos nenos. Na...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.