Galicia continuará este xoves 24, Nosa Señora da Mercede, baixo a influencia dunha masa de aire cálido combinada con ventos de orixe marítimo, unha configuración que achegará niveis moi elevados de humidade á metade oeste da comunidade.
O fenómeno máis destacado da xornada será a presenza de brétemas costeiras en toda a fachada atlántica, onde tenderán a manterse activas ao longo de boa parte do día. Pola contra, o interior galego gozará de ceos moito máis despexados e dun ambiente máis asollado.
No que respecta aos termómetros, os valores xerais apenas experimentarán variacións significativas, aínda que si se rexistrarán diferenzas locais salientables. Na Mariña lucense prevese un ascenso moderado das máximas, mentres que nas Rías Baixas os valores descenderán a causa da persistencia dos bancos de néboa. O vento soprará frouxo, de compoñente oeste-suroeste, durante toda a xornada.

O noso mar: Vento variable, forza 1 a 3 á mañá e 2 a 3 á tarde e á noite. Mar ovellado. Visibilidade regular á mañá e mala á tarde e á noite. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 1.5 a 2 metros á mañá e á tarde e 1 a 1.5 metros á noite.



