Os termómetros seguirán á alza nunha xornada marcada polo dominio das altas presións e a presenza de nubes medias e altas
Galicia continuará este martes baixo a influencia das altas presións e dunha masa de aire moi cálido en superficie, o que deixará unha nova xornada de calor intensa nas Rías Baixas e na área de Santiago de Compostela.
Os ceos presentarán intervalos de nubes medias e altas ao longo do día, aínda que sen impedir o predominio do ambiente soleado. Durante a tarde non se descarta a aparición dalgún chuvasco illado de carácter tormentoso en puntos do interior da comunidade, aínda que a probabilidade será reducida.
Nas comarcas das Rías Baixas, así como en Santiago e a súa contorna, o aspecto máis destacado volverá ser o ascenso das temperaturas (32 graos na costa e 37 en Santiago e comarca).. Tanto as mínimas como as máximas situaranse en valores moi elevados para esta época do ano, deixando unha sensación de calor persistente desde primeiras horas da mañá.
O vento soprará frouxo de compoñente leste, favorecendo a permanencia do aire cálido e contribuíndo a que as temperaturas continúen en niveis altos durante gran parte da xornada.
As autoridades recomendan extremar as precaucións ante este episodio de calor, mantendo unha boa hidratación, evitando a exposición prolongada ao sol nas horas centrais do día e prestando especial atención ás persoas maiores, menores e colectivos vulnerables.

O noso mar: Vento variable, forza 1 a 2 á mañá e á noite e 2 a 3 á tarde. Mar rizado á mañá e á noite e mar ovellado á tarde. Visibilidade boa á mañá e á tarde e regular á noite. Mar de fondo do noroeste, con ondas de 0.5 a 1 metros.



