O Concello de Noia recibe ao Club Noia Patín tras o seu histórico bronce mundial en Cesena

22 Xuño 2026

O Salón de Plenos do Concello de Noia acolleu este domingo 21 de xuño a recepción oficial ao Club Noia Patín logo do histórico terceiro posto acadado na World Cup de Grupos Show celebrada o pasado 31 de maio en Cesena (Italia).

No acto participaron o alcalde de Noia, Fran Pérez; a concelleira de Deportes, Sandra González; o adestrador do club, Pablo Paz; a tesoureira da entidade, Ana García; e o conxunto de patinadoras e patinadores que formaron parte da expedición desprazada ata Italia.

A concelleira de Deportes, Sandra González, quixo destacar durante a súa intervención o valor dun éxito construído ao longo dos anos. “Este bronce mundial é o resultado de moito esforzo, disciplina e compromiso. O Club Noia Patín converteuse nun referente deportivo e nun dos mellores embaixadores do noso concello, levando o nome de Noia por toda España e agora tamén ao máis alto nivel internacional”, sinalou.

Pola súa banda, o adestrador do club, Pablo Paz, puxo o foco no factor humano que existe detrás dos resultados deportivos. “Este logro pertence a todo o equipo. É a recompensa ao traballo diario, á confianza mutua e ao compromiso de cada unha das persoas que forman parte deste proxecto. O conseguido en Cesena é moi importante, pero tamén é só un paso máis nun camiño que aínda ten moito percorrido por diante”, afirmou.

En representación da directiva, Ana García agradeceu o apoio recibido por parte do Concello de Noia e destacou a importancia do recoñecemento institucional. “Os éxitos deportivos son moi importantes, pero recibir o cariño e o apoio do noso pobo ten un valor especial. Este recoñecemento anímanos a seguir traballando con máis ilusión ca nunca e a afrontar os retos futuros con ambición e responsabilidade”, indicou.

O momento central do acto chegou coa intervención do alcalde, Fran Pérez, quen trasladou “o orgullo que supón para Noia” contar cun club que compite ao máis alto nivel mundial. “Para todos os veciños e veciñas de Noia é un orgullo inmenso ver como un grupo de mozas e mozos da nosa vila consegue situarse entre os mellores do mundo. O que vimos en Cesena foi moito máis ca unha competición deportiva; foi unha demostración de talento, traballo, coordinación e paixón”, destacou.

O rexedor tamén quixo referirse á actuación coa que o club conquistou o podio mundial. “Moitos seguimos desde aquí a vosa actuación e puidemos desfrutar dun espectáculo fermosísimo. Mesmo quen non entendemos demasiado de patinaxe fomos capaces de apreciar a calidade dunha coreografía extraordinariamente ben deseñada e executada cunha harmonía e unha coordinación admirables”, afirmou.

Para rematar o acto, o alcalde fixo entrega a cada unha das patinadoras e patinadores, así como ao adestrador do equipo, dunha placa conmemorativa de recoñecemento institucional en agradecemento ao seu esforzo e por levar o nome de Noia ata o podio mundial.

Outros artigos

A Casa RIA celebra en Santiago o seu segundo aniversario

A sede da Casa RIA en Santiago acolleu este 1 de xullo pola tarde a celebración do segundo aniversario da materialización desta sede na rúa Virxe da Cerca, sede da Fundación RIA: entidade envorcada en reivindicar a tradición arquitectónica, produtiva, social, cultural...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Alugueres sociais” – José Manuel Pena

“Alugueres sociais” – José Manuel Pena

España conta cunhas 40.000 persoas sen fogar. Un millón e medio familias viven en infravivendas. Dentro da Unión Europea, só Bulgaria e Letonia presentan indicadores de desigualdade máis altos que España. Segundo datos estatísticos da AEAT e do INE, a metade da...

“Matemáticas y Filosofía” – José Castro López

“Matemáticas y Filosofía” – José Castro López

Las universidades gallegas presentaron las ofertas docentes intentando responder a las demandas de los estudiantes y del mercado laboral en este tiempo en el que los perfiles profesionales son cada vez más transversales. En ese contexto llama especialmente la atención...