Cabo de Cruz imponse en Muros e conquista as dúas bandeiras da Deputación da Coruña en bateis

20 Xuño 2026

O Club de Remo Cabo de Cruz proclamouse gran protagonista da xornada no porto de Muros ao conquistar a II Bandeira de Bateis Deputación da Coruña tanto na categoría masculina como na feminina.

A competición, celebrada este sábado, reuniu a numerosas promesas do remo galego nunha cita dedicada ao deporte de base, onde o club boirense destacou pola súa regularidade e rendemento ao longo de toda a xornada.

O deputado de Deportes da Deputación da Coruña, Antonio Leira, participou na entrega das bandeiras aos representantes do Cabo de Cruz, recoñecendo o seu excelente papel nun evento que puxo en valor o traballo dos clubs formativos.

A proba contou coa organización da Deputación da Coruña, en colaboración coa Federación Galega de Remo e o Club de Remo Muros. Nela participaron tripulacións das categorías alevín, infantil, cadete, xuvenil e sub-23, tanto en modalidade masculina como feminina. As regatas desenvolvéronse con quendas clasificatorias pola mañá e finais pola tarde, adaptando as distancias ás distintas idades.

Durante o acto de entrega, Antonio Leira subliñou que esta bandeira “é unha aposta polo deporte de base e polos clubs que traballan cada día para manter viva unha tradición profundamente ligada ao mar, á costa e á identidade de Galicia, como é o remo”.

O deputado tamén puxo en valor o esforzo colectivo que hai detrás desta disciplina, agradecendo a implicación da Federación Galega de Remo, do Club de Remo Muros, así como das familias, adestradores e entidades participantes. “Detrás de cada un dos bateis participantes hai moitas horas de esforzo, adestramento e aprendizaxe. Iso é precisamente o que queremos recoñecer desde a Deputación”, sinalou.

Ademais das bandeiras para os clubs con maior puntuación global, entregáronse medallas de ouro, prata e bronce ás tres mellores tripulacións de cada categoría, completando unha xornada marcada polo bo ambiente e a competitividade.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.