“Estrelas de ouro”. Luís Celeiro

14 Xuño 2026

Sería ben escoitar o falar da xente, tamén o daqueles que falan calando. É moi interesante e
gratificante o falar dos que escoitan e o daqueles que din algo, ese falar que é exactamente a
contraposición dos que falan por falar. Uxío Novoneyra ten entre os seus poemas varios dun só
verso, un deles é acaído para esta situación, ”De tanto calar xa falo eu solo”. Si señor! Un verso co
falar do mundo enteiro, que anticipaba a enorme soidade da Galicia do interior e montañosa,
daquela xente, da nosa xente e dos nosos mortos.
A soidade da nosa Galicia que está “borrosa na historia”, aínda que “sabemos que ti podes ser outra
cousa”. Sabeo a xente do pobo, e sabíao toda aquela xente que fuxiu na procura dunha codia de
pan. Moita daquela xente que non poido volver e da que non queda memoria.
Menos mal que queda a poesía dos poetas da terra, como Ramón Cabanillas e moitos outros que
aportan á cultura galega un respecto encomiable. Se falamos de Cabanillas, falamos da nosa terra,
falamos daquel home namorado do seu Cambados natal, “pobre, fidalgo e soñador”, do Samos
lugués e do Cebreiro do Santo Grial, alá no alto, na mesma entrada do Camiño de Santiago en
Galicia, por onde andan e paran os peregrinos.
Pois, falando de memoria e do Cebreiro, hai cen anos que se publicou “Na noite estrelecida”, de
Ramón Cabanillas. E, dende aquel 1926, o poeta e os seus versos foron nexo de unión (con Samos no
camiño) entre o Cebreiro de Pedrafita e o Cambados arousán. Unión que se afianza co traballo
intelectual do mestre Manuel Núñez Pérez, natural da montaña de Lugo e profesionalmente docente
en centros de ensino pontevedreses.
En “Na noite estrelecida” aparecen tres composicións poéticas, as tres loadas polos estudosos e
académicos. As tres, meritorias. Unha delas é “O cabaleiro do Sant Grial”. Para honrar ao seu autor,
cen anos despois da súa publicación, o oito do vindeiro mes de agosto, farase un acto en O Cebreiro.
Os promotores, o citado Manuel Nuñez; o párroco, Francisco Castro; o académico, Francisco
Fernández Rei; os integrantes da Asociación de Periodistas e Estudosos do Camiño de Santiago e
todas aquelas persoas que o desexen, poderán ver as “estrelas de ouro no ceo” e ler en voz alta, as
veces que faga falta, os versos deste poema. Parabéns!

Outros artigos

“Cuando la huelga cambia de destinatario”. José Castro López

Vaya por delante que la huelga es una conquista consagrada que tienen los trabajadorespara reivindicar y defender sus derechos. De hecho, en lo que llevamos de democraciatodas las huelgas generales se convocaron por razones laborales contra las políticas delGobierno...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“España”. Alberto Barciela

“España”. Alberto Barciela

España se hace grande con lo aparentemente sencillo. Entonces deja de ser una Europa periférica que arrambla con esa idea de que el continente termina en los Pirineos, para reivindicarse como la tierra conquistadora, que acobijó a todas las culturas, que se embebió de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.