“Os libros que vostede non pode ler”. Xosé A. López Silva

14 Xuño 2026


Un dos mellores novelistas galegos do século XX leva décadas fóra das librarías, e case
ninguén o botou en falta: Silvio Santiago. A súa biografía condensa as experiencias
fundamentais da Galicia contemporánea: o galeguismo, a guerra, o exilio e a vontade de
reconstruír o país desde a distancia. Foi un escritor tardío, pero ten no seu haber dúas
das obras narrativas máis importantes do tardofranquismo e da Transición. Publicou a
primeira, Vilardevós, en 1961, cando estaba a punto de cumprir os sesenta. Da memoria
da Guerra Civil naceu O silencio redimido, aparecido en 1976, dous anos despois da súa
morte.
Esta desaparición non é casual. Responde a un problema endémico do noso sistema
literario: moita atención a publicar novidades e un esquecemento manifesto á hora de
reeditar. E así, sen ruído, obras esenciais acaban por se converter en pezas
arqueolóxicas. Non só as de Silvio Santiago: as de moitos outros autores corren a mesma
sorte. O exemplo de Anxo Rei Ballesteros é elocuente: Loaira, que algúns consideran a
mellor novela galega do século, permaneceu tres décadas inatopable, ata que en 2023 o
traballo filolóxico de Manuel Castelao devolveuna aos lectores. Pero ese rescate é a
excepción, non a norma. E convén non enganarse: que un título figure como «dispoñible
baixo demanda» ou nunha colección pechada dun xornal é outra forma de ausencia. Coa
poesía temos idéntico panorama: é unha odisea conseguir os poemarios de poetas dos
anos oitenta coma Lorenzo Baleirón, López Ardeiro, Fiz Vergara ou Ramiro Fonte. E nin
sequera é cousa relativa aos finados: hai autores en plena actividade —poetas tan
recoñecidas como Helena Villar Janeiro ou Eva Veiga, por citar só dous nomes— dos que
resulta case imposible atopar boa parte da súa obra máis temperá.
Cada ano chegan ás librarías novos títulos, premios e presentacións. Todo iso é
necesario; ningunha literatura pode vivir sen renovarse. Porén, cando o inmediato é o
único criterio, os libros desaparecen cunha rapidez sorprendente. Primeiro abandonan os
escaparates. Despois, os andeis. Finalmente, as conversas.
Por suposto, este non é un mal exclusivamente noso, pero hai unha diferenza clave. As
grandes literaturas dispoñen de redes que sosteñen os seus clásicos —universidades,
mercado, traducións, libros de peto—; unha cultura de dimensións reducidas como a
galega carece desa malla de seguridade, e o que sae dos catálogos editoriais cae case
sempre no esquecemento. Por iso, aquí, a reedición non é un luxo: é unha necesidade.
As obras fundamentais só perduran se permanecen dispoñibles para as vindeiras
xeracións: lidas, discutidas, reinterpretadas e, sobre todo, postas en diálogo co presente.
Sen ese proceso, a tradición convértese nun museo ou en materia inerte das aulas. E as
literaturas non viven nos museos nin nos centros de ensino, por importantes que sexan.
Viven nos lectores.
Poderase obxectar que, no caso galego, as vendas non xustifican a reedición. Pero existe
unha saída, por moito que esixa fixar criterios e financiamento: un selo editor de carácter
nacional que compense os autores ou os seus herdeiros, e tamén as súas editoras de
referencia.
Falamos arreo de memoria cultural e poucas veces nos preguntamos se os libros do noso
acervo seguen ao alcance dos lectores. Celebramos aniversarios e organizamos
homenaxes, pero esquecemos o esencial: garantir que as obras sigan circulando. Unha
literatura non se constrúe só cos libros que publica, senón tamén cos que decide non
esquecer. Teño a sensación de que, neste país, coma sempre, conmemoramos mellor do
que lemos.

Outros artigos

“Sánchez y la fuerza del amor” – José Antonio Constenla

Hay amores que mueven montañas y otros que, a juzgar por lo visto en Fuenlabrada, aspiran a mover algo más delicado: la opinión pública. Pedro Sánchez y Begoña Gómez se besan, bailan y se dedican un “Que lo escuchen, te quiero” ante los asistentes a un mitin del PSOE....

+

“La protesta de los estudiantes franceses”. José Castro López

Francia convive cada cierto tiempo con pequeñas revoluciones o estallidos sociales que,aunque comparten escenarios, responden a causas diferentes. Recuerden la revoluciónde Mayo 68 de la que Daniel Cohn-Bendit, uno de sus líderes, dice que entonces losjóvenes eran...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Eu tamén quixen bailar coma Javi” – Fernando Sarasketa

“Eu tamén quixen bailar coma Javi” – Fernando Sarasketa

Foto de Javi Bermúdez na Sala Real Acababa de chover e Javi empuxoume con firmesa coas dúas mans para poñerme debaixo dunha pingueira. Unha pinga conxelada caeu serteira no meu lombo pasando áxil a rentes da caluga e da camiseta, sen tocalas. “Agora xa sabes o que se...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.