O Concello de Muros continúa co seu plan de renovación e mellora da rede de saneamento nas parroquias, un servizo público esencial para a veciñanza.
Esta semana, a brigada de obras municipal comezou unha actuación no Areal, na parroquia de Esteiro, co obxectivo de facilitar o saneamento ás vivendas da zona.
A obra consiste na execución de redes separativas nas tres rúas situadas arredor do centro social do Areal, diferenciando o saneamento das augas pluviais. Ata o de agora existía un único tubo de formigón que provocaba continuos problemas de atasco.

Esta actuación, realizada e financiada integramente polo Concello de Muros, “permitirá mellorar o servizo ás vivendas da zona e evitar vertidos ao río”, segundo confirmou a alcaldesa de Muros, María Lago, lembrando tamén que “no que vai de mandato, desde o Goberno local investimos xa dous millóns de euros na renovación e a mellora da rede de saneamento, un servizo que repercute ademais directamente no marisqueo”.
Laura Rivadeneira, concelleira de Obras, engadiu que “seguimos traballando para mellorar as infraestruturas básicas das nosas parroquias. Esta obra permitirá ofrecer un servizo máis eficiente, evitar problemas de atascos e contribuír ao coidado do noso entorno natural”.




