Equipos internacionais acoden ás instalacións de CONGALSA no marco previo do Torneo Internacional de fútbol basee

21 Maio 2026

A empresa da nosa comarca CONGALSA recibiu na mañá deste 21 de maio, nas súas instalacións, a dous dos equipos internacionais de referencia que participan na presente edición do Torneo Internacional CONGALSA de Fútbol Base. O torneo celebrarase entre este venres e o domingo 24 de maio e é, en palabras da firma de alimentación da Pobra do Caramiñal, “unha iniciativa que reforzará o carácter formativo, integrador e de convivencia do deporte base, fomentando o intercambio entre mozos deportistas de distintos países e culturas”.

Os equipos de categoría alevín que se desprazaron ata as instalacións da compañía foron o Real Olé FC, de Nova York, e o Fursan Hispania FC, de Dubái. A expedición do conxunto estadounidense estivo encabezada polo seu adestrador e responsábel, Patrick Álvarez, mentres que o equipo dubaití estivo representado por Pablo Coira, ex-xogador do RC Celta de Vigo e da selección española, ademais de man dereita de Míchel Salgado, fundador do club.

Durante a visita, numerosas novas promesas do fútbol, acompañadas polas súas familias, achegáronse ata as instalacións de CONGALSA, principal patrocinador do torneo, onde pousaron para unha fotografía de grupo con membros da directiva da compañía. Precisamente, ambos os equipos disputarán este xoves 21 de maio un partido amigábel no estadio municipal de Cadreche, con carácter previo ao torneo.

Aposta polo deporte base

A directora de Relacións Externas de CONGALSA, Isabel Cañas, subliñou o compromiso estratéxico desta iniciativa dentro das políticas de responsabilidade social corporativa da empresa: “Apoiamos este torneo porque reflicte de forma moi clara a identidade de CONGALSA, onde o esforzo compartido, a constancia e a capacidade de traballar en equipo son valores clave”, afirmou Cañas, engadindo que “non se trata unicamente dunha competición deportiva, senón dun espazo de convivencia internacional que aposta polo deporte base a través de equipos de categoría alevín procedentes de diferentes puntos de Galicia, do resto de España e do estranxeiro; equipos con valores moi similares aos da nosa empresa”.

Cañas destacou que “promover o deporte basee é apostar polo futuro e por unha sociedade máis cohesionada”.

Pola súa banda, o organizador do torneo, tamén presente no encontro, Julio Antonio Neira, sinalou durante a visita que esta competición “logrou consolidarse como unha cita de referencia que transcende o deportivo”. Neira agradeceu a CONGALSA o seu apoio á iniciativa e destacou que o torneo “consolidouse como un evento anual de referencia na comarca do Barbanza, con capacidade para dinamizar o territorio e xerar un retorno económico estimado ao redor do millón de euros para os municipios da comarca e áreas lindeiras”.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...