O Desafío Rías Baixas NB21 preséntase en sociedade como unha regata chea de paisaxe e aventura

19 Maio 2026

Juan Caballero (texto e imaxes). O Desafío Rías Baixas NB21 presentouse este martes 19 de maio en sociedade, sendo o Salón Principal do Real Club Náutico de Portosín o seu marco oficial, un evento velístico de alto Nnvel, apadriñado pola Real Federación Galega de Vela, baixo a organización do náutico do Son e o Liceo Marítimo de Bouzas.

O presidente do Real de Portosín, José Codesido, actuou de anfitrión desta posta de gala, coas intervencións do presidente boucense, Miguel Pereira; a do máximo rexedor da vela en Galicia, Manuel Villaverde; a do comodoro do Club, Miguel Reboreda; e a do concelleiro de deportes, Carlos Lorenzo; sendo testemuñas o técnico municipal de deportes, Luis Otero; a directiva de Portosín, Ana Martínez; e o director de regatas e responsábel da escola de vela, Sergio del Río.

“Para o Real Club Náutico de Portosín é un orgullo presentar hoxe, xunto ao Liceo Marítimo de Bouzas, o nacemento do Desafío Rías Baixas NB21”, dicía no inicio da súa intervención Codesido.

“Non é só unha nova regata, é recuperar un espírito. Moitos de nós aprendemos que a verdadeira navegación comeza cando desaparece a costa cómoda e aparece o respecto ao mar”, detallaba o presidente do Real de Portosín.

“Eu sentín iso navegando en solitario, a vela, pasando os baixos de Corrubedo con nordeste. Neses momentos un deixa de sentirse simplemente patrón dun barco e séntese mariño de verdade. Aí non hai artificios, só vento, mar, decisión e humildade. Por iso esta regata ten algo especial”, remataba dicindo o directivo portosinense.

Pola súa banda Pereira manifestaba que “para nós as tripulacións reducidas nos barcos é a esencia. O club sempre organizou regatas valorando moi especialmente aos Solitarios e A2, incorporando agora aos A3, é dicir, veleiros con tres tripulantes”. Proseguía na súa intervención dicindo que “estou convencido que a regata será todo un éxito e que gozaremos da gran paisaxe que a percorre”, detallaba o presidente do Liceo.

Pechaba a quenda de intervencións o concelleiro de deportes do Son quen agradecía a ambos os clubs a creación da regata: “É un pracer que a regase recupere para a nosa ría e para Galicia o Campionato Galego de Solitarios, agradecendo tamén á Real Federación Galega de Vela todo o seu apoio para a organización deste evento”.

O irmandamento entre dúas grandes entidades galegas, como son o Liceo Marítimo de Bouzas, vicedecano da náutica galega, e o Real Club Náutico Portosín, xerou o seu primeiro gran evento organizado de maneira conxunta. Nace o Desafío Rías Baixas NB21, unha regata con trazado costeiro, de ida e volta entre a ría de Vigo e a ría de Muros e Noia, en dúas xornadas continuas, que se celebrará os días 30 e 31 de maio.

Destinada á Clase Cruceiro a participación estará reservada aos Solitarios A1 (un tripulante), que será Campionato Galego por decisión da Real Federación Galega de Vela, aos A2 (dous tripulantes) e aos A3 (tres tripulantes), tendo por primeira travesía a subida desde Bouzas ata as inmediacións da bocana do porto do Real de Portosín, no interior da ría muradá e noiesa, cuxas augas serán as protagonistas do segundo día de navegación, no seu trazado de retorno.

Con preto de 100 millas náuticas, durante as dúas xornadas de regata, ambas as entidades crean un novo reto para os amantes da vela, sector deportivo entre o que xa xerou certa expectación e moi boa acollida, como evento que promociona a rica cultura marítima de Galicia, saudable e sostible ao ser navegación a vela, e que vén complementar unhas necesidades que se demandaban no ámbito de tripulacións reducidas ou en solitario.

Os premios que se outorgarán na proba son os mesmos que se disputaban durante a celebración da Regata Costa da Vela NB21, agora Desafío Rías Baixas NB21, entre os que se inclúen o Trofeo Vepersa, ás primeiras embarcacións que, en tempo real e en cada unha das categorías oficiais, crucen a liña imaxinaria entre o Faro de Camouco e a Illa de Ons; e o Faro de Picamillo e terra, no seu trazado de subida e respectando os pasos naturais de navegación marítima, así como o Trofeo Juan Piñeiro, que será entregado ao veleiro que, unha vez sumados os tempos investidos en ambas as xornadas, rexistre o menor real posible, sen a aplicación de compensados.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...