Máis de 300 voces cantarán a Manuel María en Santiago

18 Maio 2026

A Deputación da Coruña e o Concello de Santiago presentaron este luns o concerto As rúas do vento ceibe, unha proposta musical de grande formato que toma o nome dun libro do poeta Manuel María e que musicará poemas do escritor de Outeiro de Rei así como de Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro.

Na presentación celebrada este 18 de maio, no Pazo de Raxoi, participaron a deputada de Cultura da Deputación da Coruña, Natividade González; a concelleira de Capital Cultural, Míriam Louzao; o presidente da Fundación Manuel María, Alberte Ansede; a presidenta da Asociación Cultural Solfa, Lucía Carreira; e o presidente da Asociación de Amigos da Ópera de Santiago, Jesús Couceiro.

Natividade González destacou “o carácter especial da proposta” e asegurou que “o concerto nace como unha homenaxe moi emocionante á nosa literatura, á nosa música e, sobre todo, á nosa identidade como país”.

A responsábel provincial de Cultura explicou ademais que a iniciativa “propón un diálogo fermoso entre as palabras, a música e tres voces fundamentais da nosa literatura: Rosalía de Castro, Celso Emilio Ferreiro e Manuel María”, ao tempo que puxo en valor a composición musical creada por Xosé Carlos Seráns Olveira, “capaz de levar eses versos a outro lugar, ampliando a súa emoción e a súa forza”.

González subliñou tamén “a dimensión artística do concerto”, no que participarán a Orquestra Sinfónica de Pontevedra, un coro mixto integrado por distintas formacións corais do país, un coro xuvenil e a mezzosoprano Julia Portela Piñón, todo baixo a dirección musical de David Fiuza.

Natividade González reafirmou tamén o compromiso da Área de Cultura da Deputación da Coruña co apoio a este tipo de iniciativas, ao entender a cultura “como un ben esencial, como un espazo de encontro, de pensamento crítico, de emoción compartida e de construción de país”.

Pola súa banda, Míriam Louzao convidou a achegarse a Compostela a persoas de todo o país para gozar deste espectáculo que é unha “mostra do mellor da nosa cultura” grazas ao esforzo de persoas e asociacións que “seguen facendo a nosa cultura forte e vizosa”.

Míriam Louzao apuntou que os convites para asistir ao espectáculo poderanse recoller a partir de mañá, martes 19, de xeito presencial na Zona C e online na web de Compostela Cultura. Tamén no Auditorio de Galicia desde unha hora antes do espectáculo en caso de quedar convites.

O proxecto, impulsado pola Fundación Manuel María, encargou ao compositor Xosé Carlos Seráns Olveira a creación musical a partir dos poemas d’As rúas do vento ceibe. A iniciativa acabou configurando un repertorio de trece pezas, das cales once están baseadas en textos de Manuel María e as dúas restantes en versos de Rosalía de Castro e Celso Emilio Ferreiro.

O concerto celebrarase o sábado 30 de maio, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia, en Santiago de Compostela, dentro da programación do Día das Letras Galegas.

A interpretación musical correrá a cargo da Orquestra Sinfónica de Pontevedra, coa participación da mezzosoprano Julia Portela Piñón, e dun coro mixto integrado polo Coro de Cámara Thalassa de Marín, o Coro do Hospital de Lugo, o Coro Liceo de Vilagarcía, o Coro Solfa de Compostela e a Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra. Participará tamén un coro xuvenil conformado polo IES A Xunqueira de Pontevedra, Voces da Terra Chá de Lugo e o Peque Coro in crescendo do Conservatorio Profesional de Música de Ferrol. A dirección musical será de David Fiuza.

Esta proposta cultural é unha iniciativa da Deputación da Coruña, o Concello de Santiago, a Asociación Cultural e Musical Solfa, Amigos da Ópera de Compostela e a Casa-Museo Manuel María.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...