Tal e como confirmamos os días pasados dende este medio, o Concello de Ribeira será novamente beneficiario dunha subvención da Xunta (Consellería de Emprego, Comercio e Emigración) para desenvolver o Obradoiro Dual de Emprego Tahume XI, que dende os seus inicios impulsa en colaboración co Concello de Porto do Son. O obradoiro combina formación teórica e práctica co obxectivo de mellorar a empregabilidade das persoas dos ditos concellos.

As especialidades a impartir este ano serán:
-No ámbito profesional de forestal: Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes (AGAR0309) e Actividades auxiliares en aproveitamentos forestais (AGAR0209): 10 alumnos/as traballadores/as
-Na área profesional de produción de carpintería e móbel: Traballos de carpintería e moble (MAMD0209) e Aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble (MAMD0109:) 10 alumnos/as traballadores/as
O Obradoiro Dual de emprego Tahume XI recibiu os días pasados unha subvención por importe global de 546.552 euros por parte da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración.

Un total de 20 persoas poderán formarse neste obradoiro ao longo de nove meses a contar dende xuño deste mesmo ano; período no que asistirán ás especialidades de Aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintería e moble; Actividades auxiliares en aproveitamentos forestais; Actividades auxiliares en conservación e mellora de montes; e Traballos de carpintería e moble.
A anterior edición do obradoiro, a X, rematou en verán do ano pasado cun investimento de 423.000 € euros ademais dos gastos en material asumidos polas Administracións Locais.
Ademais, como incentivo, a Xunta ten realizado unha achega 30.000 euros para fomentar a empresas que contraten a persoas formadas neste obradoiro.

Ademais da formación específica de carpintería e forestal, o alumnado recibe formación en competencias dixitais, igualdade, medio ambiente, orientación laboral ou autoemprego, entre outras. Por outro lado, o alumnado participante que non estea en posesión da Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) recibe formación específica para a súa preparación e obtención.



