Chegado recentemente ás librarías, Elas incorporouse á colección de coñecemento da editorial Kalandraka para reivindicar a “feminidade” animal poñendo en valor a colaboración, a sororidade e a capacidade de resiliencia das femias na natureza. O autor Xulio Gutiérrez e a ilustradora Lucía Cobo presentarán o seu novo libro este domingo, 17 de maio, na XV Romaría das Letras no Barbanza que organizan o Concello de Boiro e maila Asociación Cultural Barbantia no Pazo de Goiáns, en Boiro. O encontro, a partir das 16:15 horas, terá unha primeira parte explicativa dirixida a público adulto na que os autores analizarán a obra dende o punto de vista científico e artístico; a continuación, realizarase un obradoiro creativo para nenas e nenos.

Elas recompila 16 animais -mamíferos, aves, insectos, criaturas mariñas- cuxa singularidade asombra e marabilla pola determinación das súas accións para garantir a supervivencia do grupo. Na fauna dos distintos continentes hai algunhas especies que viven en sociedades matriarcais onde as femias lideran e gobernan a manda. No mundo dos humanos, eminentemente patriarcal, con grandes desigualdades e fendas de xénero, este libro demostra que outra forma de ser e de existir é posíbel.
A transmisión do coñecemento das candorcas maiores ás crías, o tránsito das bonobas adultas a un novo clan, a extrema rivalidade entre as hienas, a poligamia da xacana, a autonomía reprodutiva das formigas granxeiras, a entrega absoluta e o instinto protector das femias de polbo e de xabaril, respectivamente, son algunhas mostras deste poderío. A forma na que Xulio Gutiérrez aborda cada caso dista moito dos libros de coñecemento habituais; lonxe dun texto técnico, un relato sinxelo e descritivo achéganos ao estilo de vida destas especies.

Xunto con este eficaz recurso narrativo que busca atrapar o interese pola ciencia e pola biodiversidade, as ilustracións de Lucía Cobo destacan polo seu impactante realismo na representación precisa e rigorosa dos animais. Ademais de deslizar sutís reminiscencias literarias, a proposta plástica tamén destaca polas suxestivas metáforas visuais: a memoria dos antergos na pupila da elefanta africana, o peso do rabaño sobre o lombo da femia de bisonte europeo, ou a unión na familia de peixes pallaso do mar Vermello.
Biólogo e experto en educación ambiental, Xulio Gutiérrez foi profesor de Ensino Secundario durante moitos anos, sempre vencellado aos movementos de renovación pedagóxica e cultural. Foi distinguido co Premio Barbantia de Cultura 2014. É autor de máis dunha trintena de libros técnicos e de divulgación sobre natureza, xunto con artigos en revistas especializadas. Lucía Cobo ampliou a súa formación como enxeñeira con estudios de ilustración na Escola Pablo Picasso da Coruña e cun mestrado en álbum ilustrado. Ilustrou máis dunha vintena de libros, labor que compaxina impartindo obradoiros creativos.
A Romaría das Letras
A Romaría das Letras do Barbanza, edición XV, celébrase este domingo 17 no Pazo de Goiáns da man da Área de Cultura do Concello de Boiro e coa colaboración de Barbantia.
A partir das 11.30 horas poderase visitar en Goiáns o mercado de artesanía e literatura cos stands dos colectivos como as palilleiras de Porto do Son, ganchilleiras de Bealo, postos de sancosmeiros, Aloumiños do Ceo, Quinteiro Doce, Artesanías Amorote, Che Tembra… e tamén as librarías Nobel de Boiro, Ler da Pobra e un posto de Barbantia.
Ás 12.00 horas haberá baile galego na Eira do Pazo con Xilbarbeira e Abanqueiro e ás 13.00 horas concerto sesión vermú con Maricarme no xardín do Pazo.
Logo do xantar popular, amenizado por Os Pequenos do Barbansa, haberá zona infantil con Miudinho Cooperativa no pombal do Pazo e as presentacións institucionais e literarias no interior do Pazo con Elas de Xulio Gutiérrez; e A Compostela de Begoña Caamaño de Encarna Otero.
Ás 18.00 horas baile galego na eira do Pazo con Aroña e Abeloura e ás 19.00 horas concerto con Os D’abaixo. A concelleira de cultura convidou á veciñanza de Boiro e a comarca a participar “nesta festa da nosa cultura e da nosa lingua” e animou á xente a vestirse “con algunha peza do noso traxe tradicional”.

Programa de actividades
11.00h – Apertura de portas e recibimento de participantes na XV Romaría das Letras no Barbanza
11.30h – Mercado de artesanía e literatura cos stands dos colectivos colaboradores e a exposición dedicada a Begoña Caamaño, homenaxeada co Día das Letras Galegas 2026
12.00h – Baile galego na eira do Pazo con Xilbarbeira e Abanqueiro
13.00h – Concerto sesión vermú con Maricarme no xardín do Pazo
14.00h – Xantar popular amenizado polos Pequenos do Barbansa
16.00h – Zona infantil con Muidinho Cooperativa no pombal do Pazo
16.00h – Presentacións institucionais no interior do Pazo
16.15h – Presentacións literarias a cargo da AC Barbantia:
Elas de Xulio Gutierrez. Taller creativo coa ilustradora Lucía Cobo (Editorial Kalandraka)
A Compostela de Begoña Caamaño de Encarna Otero (El Patito Editorial)
18.00h – Baile galego na eira do Pazo con Aroña e Abeloura
19.00h – Concerto con Os D’abaixo na eira do Pazo
21.00h – Remate da XV Romaría das Letras no Barbanza



