
A delegada da Xunta na Coruña, Belén do Campo, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde de Outes, Francisco Calo, no marco da rolda de encontros que está a desenvolver cos rexedores da provincia co obxectivo de avaliar as necesidades prioritarias dos distintos municipios. No encontro, puxeron en valor o Plan Rural Activa, unha iniciativa da Xunta orientada a fomentar o emprego e mellorar os servizos no rural, contribuíndo á fixación de poboación e á mellora da calidade de vida nestes territorios. Ao abeiro deste programa, o Concello de Outes contará cun investimento de preto de 51.000 euros que permitirá a contratación de dous peóns e un tractorista para a realización de traballos de limpeza e mantemento en diferentes puntos do municipio.
Durante a reunión, ambas administracións destacaron tamén o compromiso do Concello coa prevención de incendios forestais, lembrando que Outes está adherido ao convenio de protección das franxas secundarias, desenvolvido en colaboración coa empresa pública SEAGA. Belén do Campo destacou que se seguirá ofrecendo a posibilidade de que SEAGA realice execucións en ata 10 hectáreas por concello e ano fóra das parroquias priorizadas, e a limpeza de 12 quilómetros de vías municipais.
A delegada territorial aproveitou o encontro para “lembrar a importancia de que a veciñanza cumpra coa súa obriga de manter limpas as franxas secundarias de protección antes do 31 de maio, tal e como establece a normativa vixente”. Estas franxas, dixo, “deben permanecer libres de biomasa e especies prohibidas co obxectivo de reducir o risco de propagación dos incendios e garantir a seguridade das persoas, vivendas e núcleos de poboación”.
A representante do Goberno autonómico tamén lembrou que este Concello esta adherido ao convenio para prevención e defensa contra incendios forestais, para financiar diferentes accións preventivas, de vixilancia e defensa contra o lume.
Pola súa banda, Calo trasladoulle a necesidade de que “este ano se leven a cabo novas actuacións de prevención de incendios por parte da Consellería do Medio Rural en diferentes zonas do municipio, especialmente na limpeza de camiños e contornas de vivendas illadas consideradas de maior risco”.
Finalmente, Belén do Campo informou tamén de que o Concello de Outes contará cunha axuda de 7.500 euros para a contratación de socorristas durante a campaña estival. Estas subvencións, concedidas en réxime de concorrencia competitiva, están destinadas á prestación do servizo de vixilancia, rescate e salvamento nos espazos acuáticos naturais ou instalacións acuáticas descubertas de titularidade municipal entre o 1 de xuño e o 30 de setembro.



