A ABE sorteou os premios da Campaña do Día da Nai e reafirma o valor do comercio local

04 Maio 2026

A Asociación Boirense de Empresas (ABE) vén de celebrar o sorteo dos premios correspondentes á campaña do Día da Nai, unha iniciativa que, ademais de incentivar as compras nos establecementos asociados, puxo en valor a calidade e singularidade dos produtos ofrecidos polo tecido empresarial de Boiro.

Nesta edición sorteáronse tres cestas gourmet, compostas por viños e produtos de alimentación de alta calidade procedentes dos propios negocios asociados. As persoas gañadoras foron:

Rosario Tubio (tícket rexistrado de Panadería La Espiga)

Silvia Rivas (tícket rexistrado de Café Bar Barbantia)

María del Carmen Sancio (tícket rexistrado de Drolim)

A ABE fixo saber que a campaña contou “cunha gran participación”, acadando un total de 2.210 compras rexistradas a través da web da ABE. Esta cifra supón un incremento do 58% respecto ao mesmo período anterior á campaña, no que se rexistraran 1.398 compras, “o que evidencia o claro efecto dinamizador da iniciativa”, sinalou a asociación, quen tamén trasladou os parabéns ás persoas premiadas e agradeceu a participación de todas as persoas que formaron parte desta acción, “así como o compromiso dos establecementos adheridos”.

A campaña desenvolveuse entre o 20 de abril e o 3 de maio, coincidindo cunha das datas comerciais máis destacadas do ano. Durante este período, as persoas consumidoras puideron participar no sorteo rexistrando os seus tíckets ou facturas de compra en negocios asociados a través da aplicación dispoñíbel na web da entidade, www.abe.gal.

Como elemento distintivo, esta edición incorporou o selo de Produtos das nosas empresas asociadas como garantía de calidade, reforzando a confianza da clientela e destacando o compromiso dos negocios coa excelencia e o produto de proximidade.

Ademais, con motivo do Día do Libro, tamén se fixeron públicos os resultados do concurso asociado a esta celebración. As persoas gañadoras dos exemplares de Mans que teceron futuro, de Antón Rodríguez Gallardo, foron Esther Ferreiro Costa e Lecturafilia, que xa recibiron os seus premios.

Con estas accións, a Asociación Boirense de Empresas continúa a traballar na dinamización do comercio local e na posta en valor dun modelo baseado na calidade, a confianza e o compromiso co territorio.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.