O Concello de Ribeira solicitará ao Fondo de Cooperación máis de 700.000 euros para a musealización do edificio anexo a Cerqueira

28 Abril 2026

A Corporación municipal de Ribeira celebrou na tarde do luns 27 de abril o pleno ordinario correspondente ao mes de abril de 2026. Saldouse con acordos relevantes, como a aprobación por 20 votos a favor (PP, PBBI, BNG, PSdeG-PSOE e 1 non adscrito) e 1 abstención (1 non adscrito) da solicitude ao Fondo de Cooperación para o apoio ao financiamento para a musealización da edificación anexa á nave de Cerqueira por importe total de 719.950 euros segundo a valoración extraída da redacción do proxecto; un préstamo sen intereses a devolver en oito anualidades.

A aprobación da solicitude permite, segundo explicou a alcaldesa, María Sampedro, non ter que pedir un crédito bancario e aforrar arredor de 123.000 euros en xuros. “É unha oportunidade que non podemos deixar pasar”, declarou para engadir que, a maiores, solicitouse á Deputación da Coruña unha subvención para facer actuacións de protección no patrimonio público valorada en 200.000 euros. “Para progresar, hai que buscar financiamento”, sentenciou.

O Goberno municipal tamén levou a proposta de subvencións nominativas por unha contía de 242.000 euros a distribuír entre 23 accións:

-Convenio coa Asociación Ambar: 3.400 euros

-Convenio coa Asociación Amicos: 3.400 euros

-Convenio con A Creba: 3.400 euros

-Convenio con Faiben: 3.400 euros

-Convenio con Renacer: 3.400 euros

-Convenio con Cáritas: 3.400 euros

-Convenio con Cruz Vermella: 3.400 euros

-Convenio coa Asociación Española Contra o Cancro: 3.400 euros

-Convenio con Ágape: 3.400 euros

-Convenio co Liceo Marítimo de Ribeira: 2.500 euros

-Convenio con ICE Renovación: 3.400 euros

-Convenio coa USC para o programa de Universidade para maiores: 20.000 euros

-Contribución ao sostemento do Museo Etnográfico de Artes co Centro Recreativo e Cultural: 15.000 euros

-Subvención para a Festa da Dorna a favor da Asociación Cultural Real e Ilustre Cofradía da Dorna: 80.000 euros

-Subvención para a Festa do Percebe da Confraría de Pescadores de Carreira-Aguiño: 15.000 euros

-Convenio co Club Náutico Riveira para o fomento da vela: 3.500 euros

-Convenio coa Asociación Lajareu por Barlovento para o fomento da vela tradicional: 2.000 euros

-Subvención para a Festa da Navalla da Asociación Cultural O Serriño os Mellores de Aguiño: 4.000 euros

-Convenio coa Asociación de Empresarios de Ribeira para a campaña do comercio de Nadal 2025 2026: 5.000 euros

-Contribución á Feira Gastromar da Asociación de Empresarios de Ribeira: 20.000 euros

-Contribución a campañas de apoio ao comercio no 2026 a favor da Asociación de Empresarios de Ribeira: 20.000 euros

-Contribución á concentración moteira da Asociación Motoclub Os Reventapistóns: 5.500 euros

-Co-financiamento do Museo Artes Gravado: 15.500 euros

“Somos un Concello que sempre se caracterizou por estar a carón das súas asociacións”, reiterou a mandataria local unha vez feita a exposición das distintas achegas.

Ademais, saíu adiante por unanimidade a contribución de 1.329.996,28 euros do remanente de tesourería para o financiamento da prestación do contrato do alumeado (537.101,87 euros), a metade da subvención nominativa á Dorna (40.000 euros), a amortización anticipada do préstamo de inversións do 2024 (152.894,41 euros) e a PAI-EDIL Ribeira Atlántica 2030 (600.000 euros).

A rexedora engadiu que a Aula de Música de Aguiño pasará a denominarse por unanimidade “Camilo Rumbao”, a petición da Asociación Musical Sons do Mar, por consideralo “un precursor da educación musical no municipio”.

Por outra banda, debatéronse conxuntamente, así mesmo, os puntos sobre a modificación da Relación de Postos de Traballo para a adaptación do nivel mínimo A1/A2 ao Real Decreto-Lei 6/2023 e supresión dos postos da Unidade de Condutas Aditivas ao ser asumida xa polo SERGAS, así como o axuste do anexo de persoal do orzamento de 2025, prorrogado a 2026. Esta medida afecta a un total de 25 traballadores municipais e tivo luz verde co respaldo unánime da Corporación.

Outro dos asuntos que se puxo sobre a mesa e que foi aprobado por unanimidade foi a rectificación do inventario de bens municipal coas altas e baixas correspondentes ao 2024 e 2025. Entre as altas figuran 23 fincas, entre elas, dúas do novo polígono industrial que estaban situadas no concello veciño da Pobra do Caramiñal; o novo Auditorio Municipal ou os terreos que se empregan como aparcamentos disuasorios en Corrubedo. No que respecta a baixas, atópanse 14 rochos e 12 prazas de garaxe que foron a poxa pública, as plataformas da cabalgata dos Reis Magos ou a parcela da antiga comisaría policial.

Tamén se lle deu luz verde por unanimidade ao inicio do expediente de titularidade pública duns terreos situados en Salmón, na parroquia de Oleiros; onde o Concello de Ribeira está acometendo o saneamento.

Por parte do PSdeG-PSOE, abordouse a proposición para a adquisición da parcela do coñecido Cine Millán, en Palmeira, e redacción do proxecto de rehabilitación do espazo. Dada a situación da titularidade desta finca, o Executivo local presentou unha emenda de substitución na que se acorda que o Concello de Ribeira inicie as negociacións coa familia para a busca dun interlocutor que poida levar a cabo as xestións pertinentes cara a facerse coa propiedade, tendo en conta as circunstancias económicas e financeiras da Administración local. Aprobouse a emenda con 13 votos a favor (PP e PBBI) e 8 en contra (BNG, PSdeG-PSOE e non adscritos).

Sobre a necesidade de realizar melloras nos portos versou a proposta realizada polo BNG, sobre a que o Goberno municipal presentou tamén unha emenda de substitución encamiñada a seguir traballando en promover unha maior seguridade nos peiraos, instar a Portos de Galicia a continuar cos mantementos e co impulso do porto como unha zona de traballo para as/os redeiras/os, artes de pesca, de arrastre e cero, nomeadamente. Saíu adiante con 13 votos a favor (PP e PBBI) e 8 en contra (BNG, PSdeG-PSOE e non adscritos). O resto de puntos da orde do día non se puideron abordar ao concluír a xornada na que estaba convocada a sesión plenaria.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...