Pensaba que era o dono do lugar, do pobo e do mundo. Moitos dos seus non lle facían caso. Outros
seguíano como se fose un Deus, como se fose o verdadeiro amo e con poderes sobrenaturais para
acordar, decidir, discrepar e cambiar de opinión e de slogan como cambia o tempo. Como se nada
pasara, igual que se ninguén escoitara. A Elpidio, home ignorante, fantoche e fanfarrón, os veciños
queríanlle mal e a maioría deles desprezábano por todo e, sobre todo, pola súa actitude de matón.
Calzaba zapatos con polainas de coiro, tiña licencia de caza e colgaba a escopeta detrás da porta da
entrada. Era o orgulloso marido de Elvirita, a ama da casa, a filla dun señorito daqueles que foran a
menos, pero que mantiñan a vaidade, aínda que xa perdera a querenza da veciñanza. Era un veciño
aproveitado da miseria daqueles tempos e, ao final, tamén morreu.
Os camiños que ían a calquera das leiras do lugar eran del, da súa dona e dos seus fillos, igual que
tódolos carreiros por onde subía o gando para a serra. Todo era del ou deles. Os pastos e as árbores
das extremas eran del, as augas dos camiños, cando chovía, eran para regar as súas hortas; a escola
do pobo tamén era del e del quería que fose a mestra.
Como todo era del, na taberna non pagaba. Tampouco pagaba na feira, fose moito ou pouco o que
mercara. Na misa estaba sempre na primeira fila, rezaba en voz alta e cantaba cando o cura cantaba.
Axeonllábase e levantábase cando procedía, comulgaba e marchaba. A onde iría? Ninguén lle cría
nada, pero ao velo iluminado polas mentiras que contaba, a xente do lugar tíñalle medo.
Ao decatarse que o medo non é un bo acompañante, os homes e mulleres do lugar acordaron
aconsellarlle parar e, daquela, o mesmo medo apoderouse do maligno valente. Foi un acto en
silencio, sen arrogancias e sen berros. A tranquilidade volveu ao lugar, ás casas, ás familias, ás
tabernas e aos traballos colectivos. Elpidio non volveu á igrexa e os seus, os da súa casa, para
protexelo dos raios solares, sentárono nun escano colocado na galería traseira, naquela de cristais
escuros.
Agora, estará na memoria de toda a xente do lugar, que deixará constancia de que a Tía Manuela ten
razón, cando asevera que “en tódolos tempos hai algún home tolo de remate”.
Xoves 24, persistencia do aire cálido con brétemas costeiras no litoral atlántico
Galicia continuará este xoves 24, Nosa Señora da Mercede, baixo a influencia dunha masa de aire cálido combinada con ventos de orixe marítimo, unha configuración que achegará niveis moi elevados de humidade á metade oeste da comunidade. O fenómeno máis destacado da...



