A Deputación despídese o xoves do Salón Gourmets cun balance “moi positivo” da súa segunda participación na feira

15 Abril 2026

A Deputación da Coruña afronta este xoves 16 de abril a cuarta e derradeira xornada da súa participación no 39.º Salón Gourmets, a feira internacional de alimentación e bebidas de alta gama que se celebra no recinto feiral de IFEMA, en Madrid. Para o vicepresidente provincial e deputado de Turismo e Promoción Económica, Xosé Regueira, o balance é “moi positivo”, e destacou que “ao longo dos anos estamos gañando un oco no panorama estatal e internacional”.

Regueira explicou que as empresas interesadas en abrir novas vías de negocio “saben que a Deputación da Coruña conta cun posto propio neste tipo de eventos e xa nos veñen buscar para contactar cos produtores e produtoras que nos acompañan baixo a marca A paisaxe que sabe.

Nesta terceira xornada (a deste mércores 15), o espazo da Deputación continuou desenvolvendo un amplo programa de actividades orientadas á promoción do produto local e da gastronomía da provincia perante público profesional e especializado.

O posto de A Casa da Avoa de Outes

A programación arrancou cunha nova degustación de café de especialidade de Cafés Aruba acompañada de tiramisú de café. A continuación, Luís Paadín ofreceu o relatorio e cata de viños titulado Ribeiras do Ulla coruñesas: crisol de castes.

Xa en horario de mediodía, Juan Crujeiras, do restaurante Bido (A Coruña), protagonizou dúas demostracións nas que elaborou pratos como pescada, escabeche emulsionado, amorodos e pementos de Herbón encurtidos, así como repolo de Betanzos asado e fermentado con demiglace de hortalizas asadas e mazá.

Pola tarde foi a quenda de Iria Espinosa, do restaurante con Árbore da Veira (A Coruña) —distinguido cunha estrela Michelin—, que presentou elaboracións como porro asado con guiso meloso de mans de porco, gamba e salsa bearnesa, ademais de vieira con manteiga de miso, caviar de codium e cacahuete tostado.

A xornada completouse con novas presentacións e degustacións de Gallegas de Nata (A Coruña) e A Conserveira (Ribeira), así como coa proposta gastronómica de Chichalovers arredor do seu bocadillo de rexóns, cogombros agridoces e salsa chipotle.

A Deputación da Coruña despedirá mañá a súa participación nesta edición de Gourmets cunha nova xornada de actividade que comezará ás 11:00 horas coa degustación de café de especialidade de Cafés Aruba. Ás 12:00 horas celebrarase o relatorio e cata de viños Viños con crianza da Coruña: o caso de María Manuela, a cargo de Luís Paadín.

A partir das 13:00 horas volverán os showcookings de Juan Crujeiras, mentres que desde as 15:00 horas Iria Espinosa ofrecerá novas elaboracións gastronómicas para pechar a programación da Deputación neste foro profesional internacional.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.