O PSdeG do Porto do Son anuncia unha campaña de recollida de sinaturas para evitar que o Centro de Saúde peche os sábados pola mañá

15 Abril 2026

O PSdeG-PSOE de Porto do Son anunciou unha campaña de recollida de sinaturas contra a decisión da Xunta de que o Centro de Saúde do municipio estea pechado os sábados pola mañá. Para a agrupación socialista, esta decisión, que afecta tamén a outros centros de saúde da zona como os de Carnota e Mazaricos, é “inaceptábel” ao obrigar a veciñanza “a desprezarse ata a máis de 20 quilómetros de distancia para recibir atención sanitaria”.

E engade o voceiro local socialista, Jorge Romero: “A diferencia de tempo entre acudir ao centro de saúde e ter que ir ao PAC de referencia pode ser clave nos casos de moitas doenzas”.

O portavoz socialista explica que o Centro de Saúde do municipio “abría ata agora os sábados de mañá para urxencias, facer curas ou dar atención a domicilio a quen o precisase”. “Agora haberá que acudir a Noia, a 16 quilómetros do noso municipio”, lamenta.

“De feito, aínda que o PAC de Noia é o máis achegado aos núcleos, hai unha boa parte  da nosa veciñanza que xa estaba acudindo ao de Ribeira ao ter algunha emerxencia”, sinala Romero, engadindo que “isto non é outra cousa que un castigo á veciñanza do Barbanza, e en particular á do Porto do Son, que é unha das máis prexudicadas pola medida da Xunta”, lamenta o socialista.

Indica así mesmo que o cambio “será moi negativo tamén para o persoal sanitario, que non só se verá máis desbordado, se non que terá que desprazarse a unha maior distancia para os casos nos que teña que atender a domicilio”.

“Agardamos que a Consellería de Sanidade escoite á veciñanza a través de iniciativas como esta recollida de firmas, nós seguiremos loitando para recuperar e mellorar a atención sanitaria no municipio e na bisbarra”, conclúe Romero.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...