O Concello de Lousame levará a todas as parroquias a campaña de apoio a Zernadas ás Letras Galegas 2027

10 Abril 2026

O local social de Camboño (Lousame) acolleu na tarde/noite deste xoves 9 de abril a primeira sesión de presentación do Proxecto Zernadas’27, unha iniciativa coa que o Concello de Lousame está a promover a candidatura de Diego Antonio Zernadas de Castro ao Día das Letras Galegas de 2027, coincidindo co 250 aniversario do seu pasamento.

“Queremos que todo o concello de Lousame sinta isto como algo colectivo, que nace en Fruíme pero temos que ir unidos como pobo. E por iso decidimos traer o proxecto ás parroquias: para que poidades coñecelo de preto, ver o vídeo promocional e preguntar todo o que queirades. Somos un concello moi disperso no territorio, pero temos intereses comúns. E isto meréceo Zernadas, meréceo Lousame e poría a Lousame e a Zernadas no mapa de Galicia a nivel cultural”, asegurou o alcalde, Esteban Ares García.

A próxima cita será este domingo 12 de abril, ás 18:00 horas, no Club de Xubilados de Lousame en Aldeagrande. Posteriormente, e ata que remate o mes de abril, o proxecto irá presentándose polos distintos sociais das parroquias.

Apoio dos académicos

O alcalde amosouse moi satisfeito polo traballo levado a cabo ata o de agora: “Cremos que no debate de xuño vai estar, porque teñen que propoñelo cando menos tres académicos e dous xa nos dixeron que o van apoiar. E iso é que o que queremos: que na Real Academia Galega o teñan en conta”. Iso si, a pesar de que esta petición “é un clamor político, veciñal e cultura, o obxectivo é difícil de conseguir”, reflexionou Ares García, quen asegurou que “pase o que pase, o traballo vai estar aí e o ano que vén, se nos conceden o Día das Letras Galegas, celebrarémolo. E se non o fan, celebraremos nós o 250 aniversario da súa morte porque Zernadas o merece”.

Finalmente, o alcalde lousamiá volveu detallar as razón polas que Zernadas de Castro é merecedor de ser homenaxeado pola RAG no Día das Letras Galegas de 2027. “Defender o galego hoxe en día está moi ben, pero facelo no século XVIII e dende unha aldea era algo heroico. O que lle pedimos á RAG é que xa é hora de que se lembren del, que hai un precursor do galeguismo. Incluso poderiamos dicir que o ano que vén celébranse os 250 anos do seu pasamento pero tamén os 250 anos de galeguismo, porque outros autores que viñeron despois e defenderon o galego tivérono máis sinxelo grazas a Zernadas, que foi o precursor de toda a defensa do idioma e da nosa identidade galega. Zernadas non é pasado, Zernadas é a orixe. Se a RAG está pensada para defender a nosa lingua, que menos que recoñecer o labor da persoa que a defendía no século XVIII porque non hai outros. É o momento de que se acorden del. Hai moitos autores que o merecen, pero non ten lóxica que ao precursor do galeguismo non se lle dedicara”, sinalou Esteban Ares.

Presentación da campaña

Pola súa banda, o técnico municipal de Cultura, Eduardo Agraso, presentou á veciñanza as distintas iniciativas realizadas polo Concello de Lousame, en colaboración coa AAVV Cernadas de Castro, para poñer en valor a vida e obra de Zernadas de Castro: colocación dun busto fronte á igrexa de San Martiño de Fruíme, publicación de libros de toda a obra literaria e poemario en galego do autor, produción de videopoemas, adquisición de esculturas e cadros de Zernadas, conferencias, exposicións, musicalización de poemas…

Durante a presentación de onte tivo lugar a proxección dun vídeo para promover a candidatura de Zernadas de Castro ao Día das Letras Galegas 2027 dirixido, guionizado e montado polo realizador noiés Luís Avilés. Un vídeo que conta coas actuacións de Luís P. Martínez (como Zernadas) e Maribel González Vilachán, veciña de Camboño, presente na presentación deste xoves 9 de abril

A sesión rematou con todos os presentes sumándose á campaña promocional que o Concello de Lousame ten en marcha en redes sociais co cancelo #EuConZernadas, primeiro en grupo e moitos deles tamén de forma individual.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

«Eu non quería morrer alá». Xosé Antonio López Silva

Bastou a aparición dunha palabra —hantavirus— para que regresasen de súpeto ao eido público os medos da COVID: os rumores, a procura de culpables, o instinto de autopreservación, a tendencia inquietante a deshumanizar. Ás veces semella esquecerse que todos os enfermos...