A Xunta de Galicia e o sector pesqueiro continúan avanzando na definición do plan de xestión do polbo para a campaña 2026/27 no marco da coñecida Mesa do Polbo.

O director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Isaac Rosón, participou nun novo encontro de traballo xunto a representantes da Federación Galega de Confrarías de Pescadores e das federacións provinciais. A reunión tivo como obxectivo principal seguir avanzando no deseño do plan experimental para a xestión do polbo (Octopus vulgaris).
Este encontro dá continuidade aos contactos iniciados o pasado mes de febreiro, nos que xa se fixo un balance positivo da actual campaña e se sentaron as bases do futuro plan. Nesta ocasión, analizáronse en detalle as achegas realizadas pola frota co fin de avanzar cara a un documento definitivo consensuado entre a Administración e o sector.
A Consellería do Mar ten como obxectivo rematar a elaboración deste plan no seo desta mesa de traballo, garantindo un equilibrio entre a conservación biolóxica da especie e a viabilidade económica das embarcacións que dependen desta pesqueira estratéxica en Galicia.
A convocatoria da Mesa do Polbo enmárcase no modelo de cogobernanza que impulsa a Xunta, baseado no diálogo continuo co sector, o coñecemento técnico e a busca de consensos para unha xestión responsable e sostible dos recursos mariños.



