O Camiño da Ría de Muros Noia promociónase en Hungría

11 Marzo 2026

O Camiño da Ría de Muros Noia continúa dándose a coñecer máis aló das nosas fronteiras. Se o ano pasado era José Antonio de la Riera quen impartía dúas conferencias en Budapest e Szeged, nesta ocasión foi Rózsa Benedek quen presentou o Camiño da Ría de Muros Noia e o itinerario cultural e paisaxístico Volta de Gloria en dúas sesións impartidas no Szent Jakab Zarándokút (asociación do Camiño de Santiago en Hungría), unha diante dos seus máximos representantes e outra nun ateigado auditorio na capital húngara. O impacto que causaron ambas conferencias entre o público húngaro foi tal que “moitas persoas presentes xa indicaron a súa intención de viaxar este ano ou o próximo a Galicia para percorrer ambas rutas”, informaron os concellos da ría de Muros e Noia, engadindo que “a día de hoxe xa hai catro grupos de peregrinos de Hungría que se puxeron en contacto con Rózsa Benedek para organizar a súa peregrinación nos próximos meses”.

Camiño da Ría de Muros Noia

Ex funcionaria do Ministerio de Interior de Hungría e unha das poucas policías que acadou o rango de coronel no seu país, Rózsa Benedek é unha gran afeccionada ao Camiño de Santiago dende que en 2013 vivira unha experiencia durante a súa primeira peregrinación que cambiou a súa vida e fixo que se asentase en Galicia, onde comezou rexentando un albergue en Muxía e agora organiza viaxes a grupos de húngaros que veñen peregrinar á nosa terra. Momento no que contactou co Camiño da Ría de Muros Noia.

Unha ruta recoñecida oficialmente polo Arcebispado de Santiago de Compostela que, tal e como lles trasladou aos seus compatriotas, “parece nova pero os peregrinos levan facéndoa dende hai séculos. Unha ruta curta pero moi variada, que sigue o percorrido das peregrinacións marítimas medievais”. Así, puxo en valor lugares como Noia, “o Portus Apostoli, rico en recordos materiais referidos aos peregrinos medievais”, e o Castro de Baroña, “que cae preto e con moitas historias e lendas”.

Volta de Gloria

Sobre Volta de Gloria, unha iniciativa impulsada pola Ría da Estrela e os concellos de Carnota, Cee, Dumbría e Muros en colaboración co GALP Costa Sostible, Rózsa Benedek destacou que é un roteiro que “che roubará o corazón: con paseos marítimos, montes, bosques, ambiente rural… onde atoparás igrexas, cruces de pedra, mananciais milagrosos, gravados rupestres, muíños de auga e mesmo unha fermosa fervenza”. O primeiro itinerario turístico, cultural e paisaxístico que une dous camiños xacobeos (o Camiño de Fisterra Muxía e o Camiño da Ría de Muros Noia), Volta de Gloria configura o primeiro percorrido circular con saída e meta en Santiago. Un itinerario que suma un total de 300 quilómetros e que se pode facer en 10 ou 15 días.

A Volta de Gloria discorre por impresionantes monumentos naturais, entre os que figuran dous dos montes máis míticos de Galicia: o Monte Pindo, coñecido como o Olimpo Celta, e o Monte Louro, que conforma un espectacular conxunto natural coa lagoa das Xalfas e a praia de Area Maior. Canda eles figuran moitos atractivos turísticos como a fervenza do Ézaro en Dumbría, a única de Europa que verte directamente ao mar; ou a praia máis longa de Galicia, emprazada en Carnota canda algúns dos hórreos máis grandes da comunidade.

Un percorrido entre Cee e Muros sinalizado grazas ao financiamento do GALP Costa Sostible e que é rico tamén en pegadas arqueolóxicas (petróglifos, mámoas, castros), paisaxes espectaculares e enclaves singulares, como a Caseta de Pepe do Cuco de Carnota, o primeiro museo automatizado de Galicia con acceso libre 24 horas ao día todos os días do ano que recolle a historia mariñeira do municipio.

Volta de Gloria é un produto turístico que non é exclusivo para peregrinos, senón que está aberto a sendeiristas, ciclistas ou xente que faga o percorrido nas fins de semana.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

“La cantina móvil de Cruz Roja”. José Castro López

Las mejores iniciativas sociales suelen ser también las más sencillas, no necesitangrandes edificios ni presupuestos millonarios, basta una buena idea y la voluntad deponer a las personas en el centro. Ocurre con muchas propuestas, tanto de iniciativaprivada como de...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.