O Encontro Arqueolóxico do Barbanza reúne investigacións de Galicia, Atapuerca, Turquía e Portugal no Pazo de Goiáns

28 Febreiro 2026

O José Ramón Romero abriu esta mañá no Pazo de Goiáns a XIX edición do Encontro Arqueolóxico do Barbanza, unha cita consolidada no calendario científico que se celebra os días 28 de febreiro e 1 de marzo co obxectivo de divulgar os resultados de investigacións arqueolóxicas realizadas na comarca, noutras zonas de Galicia e tamén en ámbitos nacional e internacional.

O Encontro, que se vén celebrando de maneira ininterrompida desde 2007, volve converter Boiro nun punto de referencia para o intercambio de coñecemento. “Que unha cita como esta se manteña no tempo durante tantos anos é grazas á implicación de todas as partes que o fan posible”, salientou o rexedor, quen agradeceu o labor do comité organizador e dos relatores participantes.

O programa desta edición inclúe 11 ponencias a cargo de preto dunha quincena de investigadores. A xornada do sábado arrancou con Ignacio Martínez Mendizabal e a súa intervención “Cuatro décadas de excavaciones e investigaciones en la Sima de los Huesos”, centrada nos traballos desenvolvidos no emblemático xacemento de Sima de los Huesos, no complexo de Atapuerca. A continuación, Antonio Salas Mendizabal ofreceu a conferencia “Genes que cuentan historias: huellas africanas en la Galicia actual que datan de la Gallaecia antigua”, na que abordou a pegada xenética africana na poboación galega.

Xa pola tarde, o programa continuou con achegas sobre a Alta Idade Media, o tránsito do mundo romano ao feudalismo, as escavacións en Meira (Moaña), a arqueoloxía das paisaxes gandeiras na Serra do Suído, a subsistencia e biodiversidade nas Serras Orientais durante o Pleistoceno superior, así como novas investigacións en xacementos prehistóricos galegos e a reconstrución da paisaxe megalítica da Serra do Barbanza.

O domingo completarase o encontro con tres novas intervencións: María José Iriarte Chiapusso analizará as sociedades prehistóricas do norte peninsular ante un entorno cambiante; Aroa García Suárez achegará unha visión microscópica da vida cotiá en Çatalhöyük e noutras comunidades neolíticas de Turquía; e Sara Garcês presentará os avances na investigación e divulgación da arte rupestre do val do Texo e do val de Ocreza, en Portugal.

Con esta programación, o Encontro Arqueolóxico do Barbanza reafirma o seu papel como foro de referencia para a divulgación científica e o diálogo entre investigadores, conectando o patrimonio do Barbanza coas grandes liñas de estudo da arqueoloxía internacional.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Caridade e solidariedade” – José Manuel Pena

“Axúdanlles moito máis aos estranxeiros que ás familias humildes da zona”. Observo como unha muller inmigrante, entregaba un cupón de alimentos, e saía do supermercado con dous carros repletos de comida, mentres que a unha veciña, sen apenas recursos, só lle dan unha...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.