Julio Abalde e María Sampedro avogan por seguir traballando contra a principal causa da suba da criminalidade en Ribeira: a drogodependencia

19 Febreiro 2026

O subdelegado do Goberno na Coruña, Julio Abalde, e a alcaldesa de Ribeira presidiron este 19 de febreiro a Xunta Local de Seguridade do concello. Durante a reunión avaliouse a situación actual da seguridade cidadá no termo municipal, así como a coordinación entre as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e a Policía Local, a seguridade viaria e de tráfico no termo municipal, e o estado das actuacións en materia de violencia de xénero. No encontro, subliñouse a importancia de manter “unha coordinación fluída entre os distintos corpos para garantir unha resposta eficaz ante as necesidades da veciñanza, reforzando a prevención e a actuación ante calquera incidencia”.

No balance de seguridade cidadá, expúxose que no ano 2025 a taxa de criminalidade en delito convencional no concello de Ribeira “baixou un 11% con respecto ao ano anterior”. Sobe, ao igual que está a suceder en todo o Estado, a cibercriminalidade. Segundo os datos analizados, rexistrouse unha diminución xeneralizada en practicamente todas as tipoloxías delituosas, “aínda que recentemente observouse un incremento nos roubos en vivendas e no interior de vehículos”. Esta delincuencia menor, sinalouse é a que implica un aumento subxectivo de inseguridade, engádese no balance.

En relación con estes feitos, indicouse “que se trata dunha problemática vinculada a situacións de drogodependencia”. Neste sentido, a Comisaría da Policía Nacional de Ribeira puxo en marcha un operativo específico centrado nesta cuestión, que se saldou con varias detencións.

Porén, a cuestión drogodependencia, segundo se destacou na reunión, “é un tema complexo que require dunha resposta social, e non só policial”, valorouse.

Na Xunta Local tamén se abordou o desenvolvemento do Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e os seus Contornos, un programa impulsado polo Ministerio do Interior do Goberno de España que busca reforzar a coordinación entre a comunidade educativa e as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. No caso de Ribeira, o Plan Director lévase a cabo por efectivos da Policía Nacional. No curso 2024-2025 participaron 401 estudantes, cun total de 39 accións formativas e informativas, centradas especialmente en temáticas como o acoso e ciberacoso, os riscos de Internet, o consumo de drogas e alcohol, a violencia de xénero e a prevención de delitos sexuais, así como orientación laboral. Ademais, realizáronse vixilancias nos centros educativos e no seu contorno.

O subdelegado puxo en valor o crecemento do programa, lembrando que en Galicia se superaron as 5.000 actividades no último ano; delas, 2.016 tiveron lugar na provincia da Coruña, alcanzando 331 centros e máis de 35.000 estudantes.

“O Plan Director aborda as inquedanzas actuais de familias e profesorado, incorporando temáticas relevantes e conectadas coa realidade do alumnado”, engadiu o subdelegado do Goberno, quen destacou o compromiso da Policía Nacional e da Garda Civil coa protección dos menores e coa seguridade da comunidade educativa.

A Xunta Local de Seguridade incluíu tamén un balance das actuacións en materia de violencia de xénero. Neste punto, o subdelegado fixo un chamamento á adhesión ao Sistema de Seguimento Integral nos casos de Violencia de Xénero (Sistema VioGén), dependente do Ministerio do Interior, como ferramenta fundamental para reforzar a protección das vítimas. Lembrou que o Concello de Ribeira non está actualmente adherido a este sistema, polo que Abalde animou a que se incorpore, subliñando que VioGén permite “unha avaliación permanente do risco, un seguimento personalizado e unha resposta rápida ante calquera situación de perigo”.

Na provincia da Coruña existen na actualidade 30 concellos adheridos ao sistema, cun total de 2.724 casos activos, e prevese a incorporación de cinco novos municipios. O subdelegado insistiu en que se debe “manter e reforzar os recursos de prevención e atención ás vítimas”, destacando tamén o papel dos Centros de Información á Muller como apoio esencial.

A Xunta Local de Seguridade pechouse coa vontade compartida de seguir reforzando a coordinación institucional e policial, así como as políticas preventivas, para continuar mellorando os indicadores de seguridade no municipio.

Outros artigos

Proseguen os traballos de extinción do lume de Ribasieira (O Son)

Este martes 22 de setembro segue activo o lume forestal do concello de Porto do Son, orixinado e focalizado (polo de agora) na parroquia de Ribasieira, nun lugar de difícil acceso que pola súa complicada orografía e pola precariedade dos accesos motivou onte o...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.