Mar inaugura unha xornada formativa sobre o procedemento para avaliar a mortaldade nos bancos marisqueiros

12 Febreiro 2026

A conselleira do Mar, Marta Villaverde, inaugurou este xoves 12 de febreiro na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago, unha xornada formativa para reforzar o sistema de coordinación coas asistencias técnicas do sector marisqueiro ao constatar a mala situación dos moluscos bivalvos provocada polas intensas choivas das últimas semanas e en previsión de que as consecuencias en forma de mortaldade superen as rexistradas no ano 2023.

Segundo dixo Villaverde, a Consellería “intensificou os contactos co sector, con xuntanzas como a que mantivo a conselleira a comezos de mes cos presidentes das federacións de confrarías de pescadores, para valorar os posíbeis escenarios se non remitían os temporais”.

A iniciativa ten como finalidade reforzar a preparación técnica e a coordinación entre a Administración e o sector ante esta situación derivada de episodios de elevada pluviosidade, que poden afectar á salinidade das rías e, en consecuencia, á supervivencia dos recursos.

A sesión, que contou coa participación de técnicos da Consellería, asistencias técnicas das confrarías e persoal do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (INTECMAR), serviu para afondar na metodoloxía que permitirá analizar de xeito homoxéneo o impacto destes fenómenos meteorolóxicos nos bancos marisqueiros galegos.

O procedemento, elaborado polo Centro de Investigacións Mariñas (CIMA), establece unha metodoloxía común para avaliar posíbeis mortalidades derivadas da diminución da salinidade nas rías, que está directamente vinculado á elevada pluviosidade e ás variacións nos caudais fluviais. O seu obxectivo é facilitar a comparación dos resultados entre diferentes zonas e mellorar a toma de decisións na xestión dos recursos marisqueiros.

Durante a xornada, na que tamén participou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, abordouse, ademais, o uso de diversas fontes de datos e ferramentas informáticas que permiten analizar parámetros como as precipitacións, a salinidade ou aforos dos ríos, así como optimizar o deseño das campañas de avaliación de stock tras episodios adversos.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...