O Concello de Lousame recupera o Desfile de Disfraces no seu Festival de Entroido: o sábado 14 de febreiro

13 Febreiro 2026

O alcalde de Lousame, Esteban Ares García, e a concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, veñen de presentar o Festival de Entroido de Lousame, que terá lugar o sábado 14 de febreiro, de 18:00 a 21:00 horas, no Polideportivo Municipal da Silva. Será unha cita festeira con entrada de balde, se ben por razóns de organización e control de aforo é preciso reservar entrada a través de bandoticket.com.

Esteban Ares destacou que “este ano apostamos por facer o Festival de Entroido en sábado, e non en domingo como en anos anteriores, e recuperamos tamén o Desfile de Disfraces. Queremos que sexa unha xornada para desfrutar en familia, disfrazarnos, comer filloas e pasalo ben, polo que convidamos a participar a todos os veciños do concello e da comarca”.

O festival arrincará ás 18:00 horas co concerto A Ramona pequena vai á lúa, un espectáculo rockeiro da man de Pakolas que amosará á rapazada coas súas cancións que a imaxinación non ten límites. Os nenos e nenas terán á súa disposición distintos obradoiros de entroido, inchábeis e unha degustación gratuíta de filloas e orellas, elaboradas no polideportivo por un grupo de veciñas de Lousame, así como de chocolate con churros da Churrería Rafra. As persoas adultas tamén poderán degustar estes produtos a un prezo módico.

Silvia Agrafojo puxo en valor a recuperación do Desfile de Disfraces “no que non queremos que haxa rivalidades sobre cal é o mellor disfrace, senón que queremos que todas as persoas desfruten e teñan as mesmas oportunidades de gañar, independentemente do que gastara no traxe. Por iso, entre todas as persoas que participen faremos un sorteo de tres vales de 300, 200 e 100 euros en material deportivo”.

Tanto o sorteo como o Festival estarán animados polo mago Charly Braun, quen xa ten actuado en moitas ocasións no municipio e que amosará sorprendentes trucos de maxia de preto sempre envoltos dun gran sentido do humor. Ademais, un DJ encargarase da animación musical unha vez remate o concerto de Pakolas.

Alcalde e concelleira puxeron en valor o traballo realizado polo Departamento de Cultura na organización deste Festival, así como a colaboración das cociñeiras e do voluntariado local. O prazo de inscrición está aberto xa para os veciños e veciñas empadroados en Lousame a través de bandoticket.com, abríndose o prazo ao resto da comarca a próxima semana.

Para facilitar o acceso de vehículos, empregarase o mesmo sistema ca no Festival de Reis: dirección única de entrada pola Fonte do Redullo e saída polo CPI Cernadas de Castro. Así, os pequenos poden quedar na festa mentres a persoa adulta aparca nunha das zonas habilitadas na contorna do polideportivo municipal da Silva.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...

“Leire”. Xulio Xiz

“Leire”. Xulio Xiz

Hai tempo que quería escribirlle a Leire, e funo deixando pero de hoxe non pasa. Pode parecer que lle escribo á Leire Díez que anda na boca de todos, pero prefiro outra ben mais inocente.Certo que hai tempo busquei no organigrama de Correos quen tiña autoridade no...