A ANPA Caramecheiro do IES Nº1 de Ribeira impulsa un programa de convivencia positiva para previr o acoso escolar

04 Febreiro 2026

A ANPA Caramecheiro do IES Nº1 de Ribeira reforza a prevención do acoso escolar cun programa anual de convivencia positiva

A ANPA Caramecheiro do IES Nº1 de Ribeira continúa a súa aposta decidida pola loita contra o acoso escolar coa posta en marcha do seu Programa anual de Convivencia Positiva e Prevención do Acoso Escolar, que se desenvolverá ao longo do mes de febreiro no centro educativo. A iniciativa conta co apoio das axudas SI449B da Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia, destinadas a asociacións de nais e pais para promover a igualdade e previr a violencia de xénero nos centros educativos de Galicia.

O programa parte da premisa de que a prevención do acoso escolar require crear nas aulas espazos de convivencia seguros, respectuosos e satisfactorios. Para iso, trabállase co alumnado de 1º de ESO o concepto de conflito, a súa presenza na vida cotiá e a maneira na que inflúe nas dinámicas de grupo, así como as distintas estratexias de afrontamento existentes.

Un dos primeiros eixos de intervención céntrase na identificación de posibles situacións de conflito nos tres grupos de 1º de ESO do centro, así como na análise da percepción do propio alumnado sobre o clima de convivencia nas aulas. Este traballo permite detectar fortalezas e áreas de mellora, facilitando ferramentas útiles tanto para o alumnado como para o profesorado e o centro no seu conxunto.

O segundo bloque do programa aborda de maneira específica a problemática do acoso escolar, afondando nas súas características, nas persoas implicadas e nos efectos negativos que xera, especialmente nas vítimas. A través dunha metodoloxía participativa, o alumnado aprende a recoñecer os distintos roles que se dan nunha situación de acoso —vítima, persoa agresora e alumnado observador— e a desenvolver a empatía, poñéndose no lugar de quen sofre esta violencia.

Así mesmo, o programa fai fincapé nas ferramentas das que dispón a comunidade educativa para previr e actuar ante posibles situacións de acoso escolar, como o Punto Laranxa, promovendo a corresponsabilidade do grupo-aula e a importancia de non permanecer en silencio ante este tipo de condutas.

Os obradoiros constan de catro sesións formativas e unha sesión de reforzo, dirixidas aos tres grupos de 1º de ESO. Como peche do proceso, o alumnado realizará unha tarefa creativa de aula consistente no deseño de materiais animados para redes sociais con lemas de sensibilización e concienciación a favor da convivencia e da prevención do acoso escolar. Estas creacións serán revisadas na sesión de reforzo, que terá lugar quince días despois da última sesión.

De forma paralela ao traballo co alumnado, o programa inclúe unha xornada formativa dirixida a familias e profesorado, que se celebrará o vindeiro xoves 12 de febreiro. Esta sesión pretende crear un espazo compartido de sensibilización e formación arredor do acoso escolar e da convivencia, poñendo en valor o papel clave das familias na prevención e detección temperá deste tipo de situacións. Durante a xornada tamén se informará do desenvolvemento dos obradoiros, co obxectivo de favorecer o diálogo e a reflexión no ámbito familiar.

A participación do profesorado nesta formación resulta especialmente relevante, xa que permite dar resposta ás súas necesidades formativas e fortalecer o traballo conxunto entre familias e docentes para facer fronte ao acoso escolar desde unha estratexia común.

O programa será impartido por Ramón Molina, xerente de ARELAR e experto en convivencia e prevención do acoso escolar. Ao remate da iniciativa, Molina manterá unha reunión cos titores, o equipo directivo do IES Nº1 de Ribeira e a ANPA Caramecheiro, na que presentará un informe final coas conclusións obtidas, que servirá como ferramenta de avaliación e mellora continua das políticas de convivencia do centro.

Outros artigos

Mar remata as obras de construción do peirao interior de Muros

A Consellería do Mar, a través de Portos de Galicia, investiu 460.000 euros na reconstrución dun tramo do peirao interior da dársena de Muros (A Coruña). A titular do departamento autonómico, Marta Villaverde, visitou na mañá deste mércores 10 de xuño as obras que se...

+

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

“El verdadero líder”. Alberto Barciela

​El viaje a España de Robert Prevost, convertido en el Papa León XIV por decisión de un concilio, ha trascendido la mera visita institucional para transformarse en un acontecimiento del espíritu. En Madrid, como lo hará en Barcelona y Canarias, ha emergido con nitidez...

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

“Prioiridade nacional, onde e con quen?-“. Antón Luaces

Dicir "os españois primeiro" é o equivalente a poñer en determinadas bocas citas indebidas e nas mans desas persoas a chave que só abre portas a moi concretos españois que, dende as opcións de VOX e outros partidos das súas  características, constatan que se...