O pasado 30 de decembro de 2025, a Xunta fixo pública a incorporación da Mancomunidade Serra do Barbanza a SOGAMA, polo que os residuos que antes se trataban na planta de compostaxe e reciclaxe de Lousame poderán tratarse nas instalacións de SOGAMA. Para isto, SOGAMA e a Xunta ofrecen aos concellos da Mancomunidade Serra do Barbanza as plantas de transferencia máis próximas, que son as de Santiago, Boiro ou Cee.

A respecto destes feitos, a asociación ecoloxista ADEGA emitiu un comunicado crítico coa incorporación a SOGAMA da Mandomunidade.
Para comezar, din que a Consellería de Medio Ambiente minte cando fala de SOGAMA como “unha das plantas máis sostíbeis e eficientes de toda España, xa que a realidade é moi distinta e o acordo representa un paso atrás e a cesión ante as presións da Xunta e Ecoembes que viñan asfixiando este modelo alternativo xa desde 2010, cando demostrou ser dos máis eficientes de todo o Estado”, sinalan dende a asociación.
ADEGA lembra que “SOGAMA tratou xa en 2025 o 82% dos residuos xerados en Galiza, e coa incorporación da Mancomunidade da Serra do Barbanza pasará a tratar o 85% do total”, o que agravará aínda máis, din, “o feito de que a nosa Comunidade sexa a terceira Autonomía pola cola en reciclaxe, só despois de Melilla e Ceuta, en 2022”.
Porén, din que “mentres a reciclaxe en todo o ámbito SOGAMA estivo arredor do 20%, Barbanza e Nostián atinxiron reciclaxes de entre o 40 e o 50% nese ano”.
No comunicado salientan que “ao longo de máis de dúas décadas, o modelo de Barbanza multiplicou por 5 os resultados medios de SOGAMA”, e “até 2010, Barbanza superou o 60% de reciclaxe, cifra que caeu ao 35-40% nos anos que seguiron até a actualidade, pero sempre moi superior ás acadadas no conxunto do ámbito SOGAMA, que se mantivo arredor dun 10%, para situarse entre o 15 e o 20% despois dos fortes investimentos do ano 2019”.
ADEGA sostén a planta incineradora de SOGAMA “só pode tratar unha cantidade fixa de residuos, e a porcentaxe de vertido só decrece cando decrece a entrada de residuos a SOGAMA”. Por tanto, engaden os ecoloxistas, “o acordo coa Mancomunidade significa simplemente un cambio de lugar de vertido dos residuos, que en vez de ir a Sobrado, pasarán a verterse no vertedoiro sen fin da Areosa; trátase do maior vertedoiro de toda a historia de Galiza, e que acumula xa 6,5 millóns de toneladas de residuos vertidos desde a súa inauguración en 1995”.
A organización ecoloxista critica tamén as melloras introducidas por SOGAMA en 2019 para recuperar residuos para reciclaxe a partir da bolsa negra, que, sinalan, “tiveron un efecto moi reducido”. E engaden: “A reciclaxe total do que entra a SOGAMA só conseguiu pasar do 5,3% en 2018 ao 8,2% en 2020, o máximo histórico; e nos últimos anos está a diminuír, volvendo ao 6,7% en 2024”.
E engaden no comunicado: “En definitiva, O Barbanza incorpórase a un modelo que incumpriu os obxectivos de reciclaxe do 50% fixados para 2020, e que hoxe está aínda máis lonxe de cumprir o obxectivo do 55% estabelecido na normativa para 2025. Cunha vixencia de 5 anos e prorrogábel, o anuncio feito pola Xunta non concreta se o que vai tratar SOGAMA son unicamente os rexeites, ou se implica, como sospeitamos, o peche total das instalacións de Servia en Lousame, coa perda de empregos que isto significaría. Está confirmado que os rexeites (entre o 60 e o 70% do lixo xerado na Mancomunidade) que se enviaban en 2025 ao vertedoiro de Sobrado dos Monxes pasarán a enviarse ao de SOGAMA en Cerceda. Nos últimos anos, SOGAMA vén enviando a vertedoiro unhas 200.000 toneladas anuais, que agora incrementará en aproximadamente un 10%”.



