Casa RIA retoma o seu programa de actividades cunha conversa sobre formación, tradición e novas oportunidades para o rural

08 Xaneiro 2026

A Fundación RIA retoma o seu programa público de actividades en Casa RIA cunha nova mesa de debate do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, prevista para o vindeiro mércores 14 de xaneiro ás 18.00 h, baixo o título Formación e tradición: impulsando novas oportunidades para o rural. O encontro propoñerá unha reflexión colectiva sobre como a formación, a investigación aplicada e a innovación, xunto coa recuperación do saber local e dos oficios tradicionais, poden responder ás necesidades reais do rural galego, impulsar novas economías locais, atraer poboación nova e avanzar cara a un modelo territorial máis sostíbel.

A mesa estará moderada por Esperanza Álvarez, catedrática do Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago de Compostela e coordinadora do grupo de investigación Uxafores. Participarán tamén Luis García, director institucional de EFA Galicia, e Helga Peral, cofundadora de XuvenLab.

Ao rematar a conversa haberá petiscos para compartir e continuar o encontro de maneira informal, servidos por A Cantina da Casa RIA.

A asistencia é gratuíta, mais por cuestións de aforo recoméndase confirmación a través de eventos@casaria.org.

A actividade forma parte do programa público do Laboratorio Ecosocial do Barbanza, un proxecto coordinado pola Fundación RIA desde 2020 que traballa para reforzar a planificación e a acción comunitaria fronte a retos estruturais como a emerxencia climática, o despoboamento e a necesidade de avanzar cara a modelos de gobernanza máis participados na xestión do territorio e dos recursos.

Un proceso aberto de consulta pública

Como complemento ao encontro, a Fundación RIA activa unha consulta pública en liña aberta á cidadanía para recoller opinións sobre a relación entre a formación, a investigación aplicada e os saberes locais como motor para impulsar novas economías locais en Galicia.

A enquisa é anónima, complétase en apenas tres minutos e está dispoñíbel en liña.

Un proxecto colectivo para repensar o territorio

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza xorde en 2020 como un proxecto colaborativo que, ao longo destes seis anos, foi reunindo comunidades locais, universidades, administracións e entidades sociais co obxectivo de actualizar e reforzar as prácticas de xestión comunitaria do territorio.

Partindo da historia e do coñecemento das comunidades de montes veciñais en man común, o Laboratorio combina investigación, planificación e acción práctica para impulsar un modelo de desenvolvemento multifuncional, cooperativo e respectuoso co medio natural.

Tras unha primeira fase de investigación participativa e de recoñecemento das iniciativas innovadoras existentes na península do Barbanza, o proxecto consolidouse en 2023 grazas ao impulso de 2 millóns de euros da convocatoria de bioeconmía forestal da Fundación Biodiversidad do Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico. Ao remate desta axuda, o proxecto foi recoñecido polo MITECO como unha das 39 iniciativas exemplares do PRTR, destacando entre máis de 1.000 proxectos subvencionados pola súa capacidade de coordinación entre axentes públicos e locais, e polo seu impacto ambiental e social no territorio.

O Laboratorio está coordinado pola Fundación RIA e integrado pola Plataforma pola Defensa do Monte, a Universidade de Santiago de Compostela —a través do CISPAC e dos grupos de investigación Histagra e Uxafores—, a Universidad Pablo de Olavide de Sevilla, o Concello de Rianxo e a Fundación Montescola.

Colaboran no proxecto as Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Baroña, Leiro, O Fieitoso de Taragoña, Araño, Paradela, Isorna, Campelo, Vilar e Cerqueiras, Asados, Ourille, O Carballo e Zobra.

O Laboratorio Ecosocial do Barbanza é unha iniciativa promovida en 2020 pola Fundación RIA en colaboración co grupo Histagra da Universidade de Santiago de Compostela e o CISPAC, que ata o ano 2023 contou co apoio da Fundación Banco Santander e a Cátedra Juana de Vega.

Outros artigos

Publicidade

Revista en papel

Opinión

“Juan Magán” – Xulio Xiz

“Juan Magán” – Xulio Xiz

Estes días, Merce e máis eu, mergullámonos cada día no multitudinario ambiente festeiro, disfrutamos coa venerable presencia de Celtas Cortos e ousamos asistir ao concerto de Juan Magán. Con relativo coñecemento do actual mundo musical, que navega de Camilo a India,...

O Barbanza
Resumo de privacidade

Esta web utiliza cookies para que podamos ofrecerche a mellor experiencia de usuario posible. A información das cookies almacénase no teu navegador e realiza funcións tales como recoñecerche cando volves á nosa web ou axudar ao noso equipo para comprender que seccións da web atopas máis interesantes e útiles.