O Concello de Porto do Son aprobou este luns 29 de decembro, en sesión plenaria extraordinaria e cos votos en contra de PSOE e BNG, os Orzamentos Municipais para o exercicio 2026, en palabras do equipo de Goberno “o proxecto económico máis alto da súa historia por un importe de case 13 millóns de euros”.

Estes novos orzamentos, que supoñen un incremento de case un 5% co respecto ao anterior exercicio, van dirixidos a “impulsar novos investimentos, reforzar os servizos públicos e consolidar a estabilidade financeira”, engadiu o Executivo.
O orzamento, que ascende a 12.992.831,00 euros, foi elaborado co obxectivo de “responder as necesidades actuais da veciñanza, promover o desenvolvemento económico local e garantir unha xestión responsábel dos recursos públicos”, apuntou o equipo de Goberno, sinalando que se deu prioridade ao incremento no reforzo dos servizos básicos obrigatorios como a recollida do lixo, que supón para o concello un gasto de case 1.100.000 euros; o mantemento das instalacións saneamento, depuración e abastecemento, con un custo de 511.897,70 euros; así como tamén servizos sociais, limpeza, rozas e arranxo de pistas
Ademais, dedicarase unha partida de 2.903.936,33 euros a financiar diversas actuacións estratéxicas que permitirán mellorar servizos, modernizar infraestruturas e dar resposta a necesidades prioritarias da veciñanza.
“Esta dotación económica”, sinalou o equipo do Executivo, “permitirá poñer en marcha proxectos de gran impacto no municipio”. Entre eles atópanse melloras en infraestruturas básicas, abastecemento e mantemento urbano, con especial atención a redes de saneamento nos lugares de Aguieira norte, A Becha, Foloña e Carantoña, Parada, Seoanes, Lavandeiras e Basoñas. Estas actuacións contan cunha inversión de 1.078.502,91 euros.
Ademais, o proxecto económico conta con investimentos en mobilidade e seguridade viaria, con intervencións en melloras de accesos a varios núcleos e sinalización por un importe de 387,451,44 euros.
Por outra parte, o pleno extraordinario tamén serviu para aprobar o POS adicional e o POS Social. Con respecto a este último, destínase no vindeiro ano por un importe de 94.616 euros a reducir o gasto da prestación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), que ten un custo de 810.000 euros (financiada nun 50% pola Xunta de Galicia).
O POS 2026 vaise destinar a gasto corrente para sufragar parte dos gastos da Mancomunidade 235,217,10 euros e a mantemento de vías 200.000 euros, quedando pendente do POS 369.026,57 euros co obxectivo de definir en futuras obras a realizar.
Máis proxectos estratéxicos garantindo unha xestión áxil e eficaz
O Executivo lembrou en pleno que “con todo, deberase ter en conta a incorporación de investimentos non executados en 2025, que mediante un importe de 1.992.073,32 euros incrementa significativamente o volume total dispoñíbel para acometer proxectos estratéxicos e aumentando o orzamento final para o ano 2026”.
Tras a luz verde deste orzamentos, desde o grupo de Goberno destacan que “seguimos mantendo todas as axudas a Asociacións sen ánimo de lucro, a Clubes, Deportistas, para eventos deportivos e como novidade este ano vamos ofertar axudas para ANPAS”.
“A aprobación das contas supoñen un paso decisivo para poñer en marcha as actuacións previstas desde o inicio do ano, garantindo unha xestión áxil e eficaz”, engaden.
Pola súa banda, o rexedor, Luis Oujo indicou que “como novidade tamén estamos a traballar na posta en marcha dun novo servizo de transporte dirixido a persoas da terceira idade das zonas rurais do municipio, co obxectivo de mellorar a mobilidade, facilitar o acceso aos servizos básicos como a asistencia ao médico ou a oficinas municipais ou bancarias e reducir así o illamento das zonas máis afastadas do centro urbano. Desde este grupo de goberno seguiremos traballando para garantir que todos veciñanza, vivan onde vivan, teñan acceso a servizos públicos de calidade”, rematou.



