
A xerente de Solo Empresarial do Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, formalizou esta mañá varias operacións de venda de parcelas en parques empresariais xestionados pola entidade, que reforzan o dinamismo económico tanto da Costa da Morte como do municipio de Muros.
Na comarca da Costa da Morte asinou dúas novas operacións nos parques empresariais de Cee e Vimianzo.
Por unha banda, a empresa Promocións Inmobiliarias Ramírez adquiriu unha nova parcela de 3.260 metros cadrados no parque empresarial de Cee, que se suma a outra da que xa era titular. Con esta última operación, adxudicada no consello de administración de SEA celebrado o pasado venres, a compañía alcanzará un total de 7.730 metros cadrados no polígono.
Doutra banda, a firma de fontanería Eloy Castro Baña formalizou a compra de dúas parcelas no Parque Empresarial de Vimianzo, que suman un total de 2.427 metros cadrados.
Estas operacións súmanse á venda formalizada no Parque Empresarial de Muros, onde a empresa Gadisa instalarase tras adquirir sete parcelas que suman un total de 4.950 metros cadrados. A operación realizouse a través da súa sociedade patrimonial Bens Inmuebles Corporativos Atlánticos 2008, co obxectivo de construír unha nave na que se situará un novo supermercado.
Desde SEA destacan que estas operacións confirman o bo momento que atravesan os parques empresariais galegos e a confianza do tecido empresarial no modelo de xestión da sociedade estatal: “Pechamos un exercicio que mantén a excelente evolución dos últimos anos. Seguimos unha escala de crecemento e investimento sostida que nos permitirá acometer novas actuacións nos próximos meses”, engadiu Sestayo, quen destacou que tanto a Costa da Morte como Muros son destinos cada vez máis atractivos para a implantación empresarial, grazas á localización estratéxica dos seus polígonos e ás condicións ofrecidas desde SEA.



